Friday 22 de November de 2024

As tostas, o polbo, os langostinos e as patacas serán os protagonistas desta primeira fin de semana do VII Concurso de Tapas de Oroso


As tapas degustaranse de balde con cada consumición no horario de 12:00 a 15:00 e de 19:00 a 22:00 horas en 21 establecementos

As tostas, o polbo, os langostinos e as patacas serán os protagonistas da primeira fin de semana da sétima edición do Concurso de Tapas do Concello de Oroso, no que tomarán parte un total de 21 establecementos. De 12:00 a 15:00 horas e de 19:00 a 22:00 horas, estes locais ofrecerán totalmente de balde aos seus clientes unha tapa, tradicional ou creativa, con cada consumición.

O Concello de Oroso editou un boletín de votación, que se pode descargar na web municipal (www.concellooroso.com) ou recoller nos locais participantes, no que ademais co cupón de participación tamén se recolle a programación de tapas dos 21 locais a concurso. Deste xeito preténdese que o cliente poida ter unha relación das propostas de cada día para, deste xeito, escoller as que lle resulten máis atractivas. Oferta para escoller non lles faltará: dende pratos tradicionais coma callos, empanada de carne, patacas recheas ou terra e mar; ata pratos de cociña creativa, os grandes protagonistas desta edición como un irlandés de cogomelos con crema de queixo, unhas costeliñas asadas ao mel con chip de mandioca, unha tosta de lombo asado á pementa sobre pan mollado no seu zume e salsa diabra, unha ensalada temperá de vieira ou uns bombóns de xamón.

Premios para os clientes

Unha vez degustada a tapa, o cliente selará o boletín de votación nese local. Unha vez que teña seis selos diferentes (un deles dun local non emprazado en Sigüeiro) poderá escoller a súa tapa favorita e votar nunha urna selada que haberá en cada un dos locais participantes. Entre todos os participantes sortearase unha tablet, unha estancia nas Cabanas do Barranco (Outes), 4 vales de compra en supermercados do concello (dous de 100 € e outros dous de 50 €), 4 vales cortesía dos comercios colaboradores (de 100, 80 e dous de 60 €), un par de zocos cortesía do comercio Zoclos e 3 lotes de Petroni (vermú, cubiteira e copas).

Os locais participantes nesta edición son: Sigüeiro Hostel, Bar Tapas, Café Bar Xardín, Bar Sigüeiro, Mesón Tambre, Tapería O´Martán, Sigü Café, Café de Manuela, Cafetería Che, Mesón A Trabe, Bar Restaurante Mirás, Adega O Ribeiro, Restaurante O Cortés, Cafetería Seis Ríos, Ambore Coffee, Bar X que no? e Bodegón Cebrás, todos eles en Sigüeiro. Fora da capital municipal participarán: Parrillada As Viñas (Trasmonte), Restaurante Liñares (Estación Oroso), Bar Stop (Oroso) e O Noso Mesón (Deixebre).