A concelleira de Turismo, Míriam Louzao, participou esta mañá na mesa redonda “Taxa turística, a onde vai o diñeiro?” no marco do Fairway, xunto ao concelleiro de Economía da Coruña, José Manuel Lage Tuñas, o representante de Unión Hotelera, José Antonio Liñares, e o presidente da Asociación de Empresarios de Hostalería da Coruña, Agustín Collazos.
Míriam Louzao salienta a creación do Foro de Turismo Sustentable como novo modelo de gobernanza e participación cidadá nas políticas municipais de Turismo
Míriam Louzao asegurou durante a súa intervención que o Foro de Turismo Sustentable funcionará como “un espazo de diálogo, colaboración e asesoramento da política turística municipal en xeral e tamén con respecto ao destino da recarga municipal do imposto ás estadías turísticas” e, neste sentido, lembrou que na ordenanza municipal se lle deu a este Foro as funcións da Comisión municipal de asesoramento e seguimento que a lei recolle.
“A constitución do Foro responde á aposta por introducir un novo modelo de gobernanza en materia de turismo, que foi unha das principais novidades que o Goberno municipal de Compostela presentou na documentación que no seu momento achegou á Xunta de Galicia para a creación deste imposto autonómico” asegurou Míriam Louzao.
A concelleira de Turismo puxo o acento en que “o máis destacable desa novo modelo de gobernanza é que debe formar parte dela a representación da veciñanza que ten moito que dicir tamén na xestión da política turística e nas decisións de en que investir o recadado con este imposto”.
Tamén explicou que este novo órgano de participación e gobernanza comezará o seu trámite plenario nas vindeiras semanas e que pasará das 27 persoas contempladas no regulamento previo do consello municipal de Turismo, a uns 50 membros aproximadamente, incluíndo axentes institucionais, actores económicos, actores cívicos e persoas expertas en turismo. A composición responde a unha ponderación das achegas recollidas nos Foros turísticos e as enquisas á cidadanía que a Concellaría de Turismo realizou no marco do convenio coa USC.
En canto ao destino do recadado a través do imposto ás estadías turísticas, indicou que “desde o goberno de Compostela, cremos que unha parte importante debe ser para todos eses gastos que implica a chegada de tantas persoas a Compostela e que ata o de agora saía dos petos dos e das compostelás, e outra para seguir investindo en políticas de turismo sustentable e accións que axuden a descentralización e desestacionalización”. En todo caso, a concelleira insistiu en que “será no seo do Foro de Turismo Sustentable onde axentes do sector, administracións e cidadanía poderán valorar as propostas do Concello para acompañalas ou asesorar en posibles cambios do destino do recadado”.
O imposto ás estadías turísticas, unha ferramenta social
Míriam Louzao tamén aproveitou para facer un repaso do traballo realizado para que o imposto ás estadías turísticas sexa unha realidade e lembrou qe Santiago de Compostela foi o primeiro concello de Galiza que demandou a necesidade de contar con este imposto de carácter autonómico.
“Para nós o imposto de estadías turísticas é unha ferramenta social que ten por obxectivo equilibrar algúns dos desaxustes provocados entre uns orzamentos municipais que se calculan en función do número de persoas residentes e un nivel de gasto moito máis elevado polo volume de visitantes que chegan cada día a Compostela” explicou.
Neste sentido, lembrou que Compostela é un destino moi singular, cun volume elevado de visitantes que a sitúa entre os primeiros postos do Estado español en relación á presión turística sobre os seus residentes.
“Entendemos que os gastos que conleva a chegada de miles de persoas a Compostela cada día non poden repercutir nos petos dos composteláns e das compostelás, como estaba sucedendo ata agora, senón que as persoas visitantes deben colaborar con eles. Ao igual que facemos nós cando visitamos outros territorios no mundo que xa teñen implantado este imposto desde hai moitos anos” indicou a concelleira.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.