― A delegada da Xunta destacou que, na convocatoria 2025-2026, foron concedidos 10 PIE na provincia da Coruña cun investimento de 2,1 millóns de euros
― Subliñou que o Concello de Laracha volverá a contar, na convocatoria deste ano, cun curso de formación desta modalidade para formar a outros 100 desempregados
― Explicou que estes cursos de formación contemplan actividades de orientación e asesoramento personalizado, formación, técnicas de motivación, desenvolvemento de habilidades sociolaborais ou obradoiros para preparación de entrevistas
A delegada da Xunta, Belén do Campo, xunto co alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e o director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, José Couce, clausurou hoxe o Programa Integrado de Emprego (PIE) desenvolvido por este concello no 2024/2025, que contou cunha achega da Xunta de 220.000 euros. Alí puxo de relevo o papel clave destas ferramentas, que a Xunta impulsa en colaboración cos concellos e entidades sen ánimo de lucro, na integración sociolaboral dos colectivos con máis dificultades de acceso ao mercado de traballo. Ademais, anunciou que este Concello volverá a contar, na convocatoria deste ano 2025/2026, cun curso de formación desta modalidade para formar a outros 100 desempregados.
Belén do Campo destacou o éxito deste Programa Integrado de Emprego (PIE), dirixido a 100 persoas demandantes de emprego e cunha duración dun ano —do 1 de outubro de 2024 ao 11 de novembro de 2025— xa que presenta uns resultados altamente satisfactorios. Ata o momento, 53 persoas participantes conseguiron incorporarse ao mercado laboral, superando amplamente o obxectivo inicial de inserción, establecido no 40 %. Ademais, 73 persoas tiveron experiencias laborais durante o desenvolvemento da iniciativa, consolidando así o impacto directo do programa na mellora da empregabilidade e na dinamización do tecido produtivo local.
No eido formativo, completáronse con éxito todas as accións previstas, que contribuíron a mellorar a cualificación profesional das persoas participantes e a adaptalas ás demandas actuais do mercado de traballo. As formacións impartidas foron as seguintes: acompañante de transporte escolar, xestión e control de compras e stock de almacén, actividades básicas de loxística de almacén, condución de carretilla elevadora, coidador/a de comedor escolar, manipulador/a de alimentos, atención ao cliente, teleasistencia, administración e xestión, aplicacións informáticas de xestión: manexo de follas de cálculo e bases de datos
No que respecta ás prácticas profesionais non laborais, 19 participantes realizaron estadías formativas en empresas colaboradoras, aplicando os coñecementos adquiridos na aula e consolidando a súa experiencia profesional, o que favoreceu a inserción laboral de parte delas.
Así mesmo, o equipo técnico do programa difundiu máis de 400 ofertas de emprego adecuadas ao perfil profesional e á dispoñibilidade das persoas participantes, reforzando o vínculo directo entre o programa e as necesidades reais do mercado laboral.
Resultados dos PIE e consolidación do apoio da Xunta
A delegada da Xunta destacou en cifras a importancia dos PIE destacando que na convocatoria 2024-2025 impartíronse 8 PIEs na provincia da Coruña cunha achega da Xunta de case 1,5 millóns de euros e na convocatoria deste ano 25-26 increméntase este número ata os 10 cursos cun orzamento global de máis de 2,1 millóns de euros para formar a 1.000 beneficiarios.
Neste sentido, a delegada sinalou que a Xunta continua afianzando en Galicia o seu apoio aos PIE cun investimento de preto de 10,3M€ para formar a 4.600 persoas, en 46 cursos, na convocatoria 25-26, co fin de optimizalos e aumentar as oportunidades de emprego. Como novidade, resérvanse por primeira vez 2M€ para plans enfocados en persoas maiores de 52 anos, que se suman á reserva xa existente doutros 2M€ orientados a mellorar as oportunidades de inserción das mulleres. Trátase dun investimento que se sumará aos preto de 129 M€ que desde 2019 leva dedicados a Xunta a este instrumento, incluíndo neste balance a convocatoria 2025-2026.
Como funcionan os PIE
Os programas integrados de emprego contemplan actividades de orientación e asesoramento personalizado, formación, técnicas de motivación, desenvolvemento de habilidades sociolaborais ou obradoiros para preparación de entrevistas. Tamén se fomenta o contacto co tecido empresarial, a prospección de oportunidades e a posibilidade de prácticas profesionais non laborais. Cada proxecto contará cun equipo técnico especializado, cuxos custos salariais e de Seguridade Social serán subvencionados. Así mesmo, cúbrense os gastos derivados de desprazamentos, materiais, subcontratación de formación, así como bolsas de asistencia de 10 euros por día para cada participante e a amortización de equipamento formativo, todo conforme aos límites establecidos na convocatoria.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.