Tuesday 11 de November de 2025

O Concello de San Sadurniño comeza a rolda informativa sobre a compostaxe doméstica


A seguinte xuntanza terá lugar no local social do Camiño Arriba este xoves a partir das 19:30h

 

O Concello iniciou onte na Casa da Xuventude o calendario de xuntanzas informativas que se vai ir completando nas próximas semanas para falar da xestión do lixo e, sobre todo, da próxima implantación da compostaxe doméstica como única maneira para tratar os restos orgánicos. No encontro explicouse como funcionan os depósitos que xa se lle están entregando á veciñanza de maneira gratuíta, cos que é posible transformar os restos de comida e outros refugallos -mondas, follas, serraduras, herba, etc.- nun fertilizante de alta calidade, ao tempo que se reducen os custes ambientais e económicos de todo o sistema de recollida e tratamento.

A charla que se ofreceu este luns na Casa da Xuventude repasou en primeiro lugar como está funcionando o modelo de recollida e tratamento do lixo que se envía a SOGAMA, que se basea en cobrarlles aos Concellos polo peso que entregan -encarecido a raíz da entrada en vigor do famoso canon- e penalizando os restos impropios que van onde non deben de ir, por mor dunha deficiente separación en orixe.

Ata non hai moito os concellos asumían eses sobrecustes,”pero agora a normativa europea esixe que o que se cobra polo lixo dea para cubrir o custe do tratamento”, precisou Manuel Pan, responsable da empresa que está levando a cabo a campaña sobre compostaxe, ademais de estar facendo unha auditoría de caracterización do tipo de lixo que xera San Sadurniño.

Á espera de que o estudo dea datos concretos, estímase que entre un 40 e un 50% do que pesa a bolsa do lixo é materia orgánica que nun contexto rural coma o noso se podería tratar na maioría das casas sen ningún problema, como se fixo toda a vida. De feito, hai moita xente que leva anos sen botar un só quilo de orgánico no colector, xa sexa porque ten porcos e galiñas aos que darlles as lavaduras ou porque aínda ten unha esterqueira… e duns anos a esta parte, tamén porque hai moitas veciñas e veciños que compostan.

A compostaxe permite eliminar do circuíto unha parte importante dos refugallos e, ademais, evitar que a veciñanza -hai que lembrar que o Concello somos todas e todos- teña que asumir os 108 euros por tonelada que custa o tratamento do lixo orgánico en planta, fronte aos cero euros que implica facelo na casa. As contas están claras e, tal e como apuntou Secundino García Casal, “se facemos as cousas ben, o lixo non ten por que subir”.

A campaña que iniciou onte o Concello, financiada pola Consellaría de Medio Ambiente con fondos NextGenerationEU canalizados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto demográfico, céntrase en explicar o funcionamento dos composteiros que xa se están entregando nos domicilios, previa solicitude chamando ao Concello -981 490 027- ou cubrindo este formulario en liña.

Estes depósitos teñen 400 litros de capacidade, “suficiente para atender as necesidades dunha familia de ata oito persoas”, asegurou Pan. Son catro paredes plásticas que se arman nun minuto e sen ferramentas, cunha tapa na parte superior e unha grande abertura na inferior, coa finalidade de que a fracción verde ou húmida -os restos de cociña ou da horta- e a fracción marrón ou estruturante -follas secas, pequenas pólas, herba, etc.- estean en contacto coa terra para favorecer a entrada de miñocas e outros organismos fundamentais para o proceso da compostaxe.

Tras arredor de cinco meses botando material estruturante e materia verde en capas que cómpre remexer cada certo tempo, obtense un substrato cun grande poder fertilizante que se pode utilizar nas plantas da casa ou nos cultivos de morteiros e invernadoiros, preferiblemente mesturado con terra.

Durante a sesión déronse algunhas recomendacións para que todo vaia ben e sen cheiros, como a de colocar unha rede na base para impedir a entrada de roedores, non botar excrementos de cans ou gatos que poden transmitir enfermidades ou evitar botar demasiados ósos ou cabelos, estes últimos case imposibles de descompor.

Con esta iniciativa, San Sadurniño pretende seguir avanzando “cara á economía circular, reducindo os custes ambientais e económicos do tratamento do lixo e recuperando unha práctica tradicional que volve hoxe con forza, modernizada e ao servizo da sustentabilidade”, comenta a concelleira de Axenda 2030, Raquel Piñeiro López.

A próxima xuntanza informativa arredor da compostaxe doméstica vai ter lugar no local social do Camiño Arriba este xoves 13 de novembro ás 19:30h. Aínda que se dirixa principalmente á veciñanza da zona, a ela pode acudir calquera persoa interesada. Ademais, quen queira levar para a casa o seu composteiro só terá que solicitalo antes chamando ao Concello ou completando o formulario. Quen o precise tamén poderá solicitar que llo monten na casa e que lle dean unha explicación sobre como usalo correctamente.

Deja un comentario