Os nenos e nenas que participen entrarán no sorteo para acompañar ao exfutbolista deportivista Bebeto e á alcaldesa no acendido das luces
Últimos días para que os nenos e nenas da Coruña participen no Concurso de Postais de Nadal organizado polo Concello. A iniciativa, aberta a todos os centros educativos da cidade, busca implicar á cativada coruñesa na celebración das festas, promovendo a súa creatividade e espírito artístico.
A postal gañadora converterase na postal oficial do Concello para felicitar o Nadal deste ano. Ademais, o concurso inclúe diversas sorpresas tanto para os nenos e nenas participantes como para os centros educativos. O autor ou autora do debuxo gañador recibirá tamén unha Nintendo Switch 2 e gañará para o seu centro educativo unha actuación para todo o alumnado. Así mesmo, entre todos os debuxos recibidos sortearanse 10 lotes de agasallos.
Este ano, o Concello quere tamén ofrecer unha experiencia moi especial. Cinco nenos e nenas participantes serán elixidos mediante sorteo para acompañar á alcaldesa e a Bebeto, exfutbolista do Real Club Deportivo de La Coruña, no acendido oficial das luces de Nadal, que terá lugar o venres 28 de novembro. “Agradecemos a colaboración de toda a comunidade educativa, familias e nenos e nenas da cidade a participar nesta proposta creativa e chea de ilusión” sinalou o concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego.
Prazo e entrega dos debuxos
O prazo para entregar as postais remata o venres, 14 de novembro. A recollida realizarase o día 14 a última hora ou o día 17 a primeira hora, directamente nos centros educativos.
Para garantir o anonimato durante o proceso de valoración, os debuxos deberán entregarse sen nome, coa folla de inscrición enganchada con clip ou similar. Tanto o debuxo como a folla serán numerados para unha avaliación independente.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.