Tuesday 11 de November de 2025

O Camiño Marítimo da Ría de Muros Noia triunfa en Fairway como unha forma atractiva e novidosa de peregrinar a Santiago


Importantes turoperadores, axencias de viaxes e centrais de reservas amosaron o seu interese pola integración do Camiño da Ría de Muros Noia como parte da Vía Querinissima

Gran acollida do Camiño da Ría de Muros Noia no sexto Fórum do Camiño de Santiago “Fairway”, que se clausura hoxe na Cidade da Cultura de Galicia. Un foro profesional onde a Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia triunfou por dar a coñecer un novo concepto de ruta xacobea: o Camiño Marítimo da Ría de Muros Noia, que ademais está integrado nun prestixioso itinerario europeo como é a Vía Querinissima.

O presidente da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia, Luís Oujo, destaca “o respaldo internacional que supuxo a presencia en Fairway de representantes de tres delegacións internacionais de Italia, Noruega e Suecia, que viñeron promover a candidatura da Vía Queirinissima como Itinerario Cultural Europeo e a poñer en valor que este itinerario, que implica a máis dunha decena de países, conte cun tramo do Camiño de Santiago que permite a quen o fai obter a Compostela”.

Así, o responsable de comunicación da Asociación, José Antonio Marcote, salienta o gran interese espertado polo Camiño Marítimo da Ría de Muros Noia entre os máis de corenta recoñecidos touroperadores, axencias de viaxes, centrais de reservas e axencias que traballan no Camiño de Santiago a nivel internacional presentes en Fairway. “Uns poñen o énfase na orixinalidade da nosa proposta, outros poñen en valor o feito de recuperar unha forma de peregrinación a vela típica doutros séculos e hai tamén quen amosa o seu interese pola vinculación da nosa ruta xacobea cunha ruta europea como é a Vía Querinissima”, apunta Marcote.

Pietro Querini

Unha integración que foi respaldada no propio Fairway coa visita dunha ampla delegación internacional do Véneto (Italia), Norland (Noruega) e Vastra Gotland (Suecia), que estivo acompañada de representantes da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña e da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia.

Todos eles coñeceron que o Camiño Marítimo da Ría de Muros Noia ofrece peregrinar a Santiago a través dunha ría e duns portos cunha longa tradición xacobea, especialmente o de Noia que no seu momento foi o Portus Apostoli de Compostela. A travesía rememora o percorrido que seguiron milleiros de peregrinos dende os tempos da Segunda Cruzada e, especialmente, o navegante veneciano Pietro Querini en outubro de 1431. Ao tratarse dun trazado recoñecido oficialmente polo Cabildo Catedralicio, basta con completar 100 millas náuticas en veleiro, selar a credencial do peregrino nos portos indicados e facer a pé cando menos os 12 últimos quilómetros entre Bertamiráns e Santiago para obter a Compostela.

A ruta marítima e terrestre da Via Querinissima atravesa Creta, as cosas de España e Portugal, e logo se estende por Noruega, Suecia, Inglaterra, Alemaña, Suíza e Austria, ata chegar a Venecia. O tramo galego está integrado polo Camiño de Muros Noia.

Deja un comentario