Tuesday 11 de November de 2025

A Xunta autoriza a construción dunha instalación solar fotovoltaica no concello de Arteixo composta por 3.000 paneis


— A resolución da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático supón dar luz verde ao proxecto promovido pola Cooperativa Enerxética Cidadá de Arteixo, cun investimento de preto de 2 millóns de euros

— A iniciativa desenvolverase nunha parcela de máis de 21.000 metros cadrados de superficie no lugar de Larín de Arriba e inclúe tanto a instalación dos módulos fotovoltaicos como das infraestruturas necesarias para evacuar a enerxía xerada

A Xunta outorgou a autorización administrativa previa e de construción para a instalación de 1,41 megavatios de potencia de produción solar fotovoltaica no concello coruñés de Arteixo. A resolución da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático sae publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) e supón dar luz verde ao proxecto promovido pola Cooperativa Enerxética Cidadá de Arteixo Sociedade Cooperativa Galega.
Esta iniciativa contará cun investimento de preto de 2 millóns de euros para a instalación de 3.000 paneis ou módulos fotovoltaicos nunha parcela de máis de 21.000 metros cadrados de superficie na zona das Fontes do Millo, no lugar de Larín de Arriba.
As autorizacións concedidas ao promotor permiten a instalación, ademais dos módulos fotovoltaicos, das infraestruturas auxiliares necesarias para evacuar a enerxía producida. Entre elas están un centro de transformación da electricidade, celas de alta tensión, cadros de baixa tensión, distintas interconexións e as redes de cable necesarias para o transporte da enerxía xerada na parcela.
Unha vez construídas as instalacións, o titular deberá presentar unha solicitude de autorización de explotación xunto co certificado de final de obra no que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución aprobado na resolución que recolle o DOG. Ese requisito exíxese co fin facilitar a inspección da totalidade das obras e montaxes e verificar o cumprimento por parte do promotor dos compromisos contraídos así como dos condicionantes impostos polo Executivo galego durante a tramitación do proxecto.
As autorizacións administrativas previa e de construción outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras previstas no proxecto promovido pola Cooperativa Enerxética Cidadá de Arteixo Sociedade Cooperativa Galega.

Deja un comentario