A proba disputarase o domingo 17 de abril e o prazo de inscrición estará aberto ata o 12 de abril a través da web www.emesports.es
Últimos días para anotarse na II carreira popular “Pilar Barreiro Senra”, que terá lugar o vindiero domingo 17 de abril en Lousame sobre unha superficie de 10 quilómetros na súa categoría absoluta. O prazo de inscrición estará aberto ata o próximo martes 12 de abril a través da páxina www.emesports.es.
A día de hoxe están inscritos un total de 220 persoas, 82 escolares ( pitufos, prebenxamíns, benxamíns, alevíns, infantís e cadetes) e 138 adultos. As anotacións nas probas escolares (menores de 11 anos) son totalmente gratuítas; mentres que os demais atletas deberán aboar 10 euros. Unha inscrición que dá dereito a seguro de responsabilidade civil, seguro de accidentes, avituallamentos e outros servizos como vestiarios, duchas e agasallos conmemorativos.
O Concello de Lousame entregará medallas a todos os participantes menores de 11 anos. Tamén haberá trofeos para os tres primeiros homes e mulleres da carreira absoluta, outros tres trofeos para os gañadores de cada unha das nove categorías restantes (tanto para homes como para mulleres) e trofeos especiais aos participantes máis veteranos (tanto home como muller) e aos tres mellores atletas de Lousame na categoría absoluta. Os premios non serán acumulativos. Ademais, todos os participantes serán agasallados cunha camiseta técnica conmemorativa da proba.
A II Carreira Popular “Pilar Barreiro Senra” está organizada polo Concello de Lousame e conta coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña; así como co patrocinio de Autos Patiño e Plus Ultra Seguros.