• As concelleiras non adscritas reuníronse con Alvariza Cooperativas para coñecer o proxecto que busca crear 30 vivendas colaborativas, o 30% en réxime de protección
• Rosón pide ao goberno local que aborde unha modificación puntual do planeamento para modificar os usos da parcela, que actualmente ten como principal o hoteleiro: “debemos poñer as cousas doadas desde a administración para que estes proxectos prosperen”
As concelleiras non adscritas mantiveron unha reunión con Alvariza Cooperativas para coñecer o proxecto de cohousing interxeracional no que traballan e que busca crear 30 vivendas colaborativas no SUND-25, en Roxos (Villestro). Un proxecto que, para chegar a ser viable, o Concello debería abordar unha modificación puntual do planeamento, toda vez que a parcela na que pretenden impulsar este proxecto ten como uso principal o hoteleiro.
“Desde as administracións debemos poñer as cousas doadas ante proxectos que crean vivenda desde unha perspectiva sostible” argumenta Mercedes Rosón que reclama o executivo de Sanmartín que aborde este proceso para mudar o uso hoteleiro polo residencial. Recalca a edil non adscrita que o proxecto reservaría tamén o 30% a vivenda de protección polo que se trata dun proxecto “que coincide coa nosa concepción da vivenda e, sobre todo, co modelo residencial comunitario tradicional de Galicia, onde se tece unha rede de veciñas e veciños que colaboran no día a día” explica.
A parcela que acollería este proxecto de vivenda colaborativa prevé unha superficie edificable de 4.055 metros cadrados e está situada no SUND-25 de Roxos, ao carón da intersección entre a rúa do Nabal (CP-7802) e a rúa da Barrosa, no lado oposto da calzada ao parque infantil construído hai dous anos.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.