Tuesday 11 de November de 2025

Máis de medio cento de veciños participa en Boqueixón na sétima Xornada de Sensibilización en Violencia contra a Muller


Ovidio Rodeiro pon en valor o labor do CIM de Boqueixón, que cumprirá 20 anos en 2026 e que realizou máis de 300 actuacións este ano en beneficio das mulleres de Boqueixón, Touro e Vedra

Algo máis de medio cento de veciños e veciñas de Boqueixón participaron na VII Xornada de Sensibilización en Violencia contra a Muller, celebrada esta fin de semana na casa da cultura de Camporrapado e que estivo organizada polo CIM de Boqueixón en colaboración coa Consellería de Política Social e Igualdade, o Ministerio de Igualdade e ao abeiro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, foi o encargado de clausurar o evento agradecendo a asistencia dos veciños e veciñas a unhas xornadas “que serven para avanzar no camiño da non violencia, da igualdade e do respecto á muller”. Neste sentido, puxo en valor o labor do Centro de Información á Muller, “un dos primeiros en poñerse en funcionamento na contorna e que o próximo ano cumprirá 20 anos de actividade”.

Rodeiro salientou que o centro realizou este ano máis de 300 actuacións en beneficio das mulleres non so de Boqueixón, senón tamén de Touro e Vedra, ofrecendo asesoramento xurídico, atención psicolóxica, orientación socio-laboral, información sobre recursos… ademais dunha atención integral e especializada ás mulleres que sofren violencia de xénero.

Xornada

A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Ángela Conde, e a directora do CIM de Boqueixón, Cristina Carbajales, foron as encargadas de dar a benvida ao público asistente; mentres que a psicóloga do CIM, Yolanda Neira, introduciu á primeira poñente da xornada: Iria Pinheiro, actriz e psicopedagoga. Pinheiro disertou sobre “A violencia obstétrica: anatomía dunha serea”, unha violencia que constitúe unha discriminación máis de xénero e da que ela mesma foi vítima.

Acto seguido tivo lugar unha función de teatro na que a actriz Estíbaliz Veiga puxo en escena “Golpes”, unha peza teatral que narra a historia de Pamela, unha moza que sufriu violencia machista e que conta todos os golpes que recibiu e como foi cedendo ata irse atopando fóra da súa personalidade. A xornada contou coa colaboración de Natalí González, Xosé Silva e Fran Barcia, da asociación cultural Mestre Manuel Gacio, que puxeron a nota musical.

Esta xornada foi a primeira actividade organizada polo Concello de Boqueixón en conmemoración do 25 de Novembro, Día Internacional da Loita contra a Violencia contra a Muller. A próxima iniciativa terá lugar o 20 de novembro e os protagonistas serán os nenos e nenas do CRA Boqueixón-Vedra, que asistirán á representación da obra “Daniel e Daniela”, unha peza de Trémota Teatro para sensibilizalos cara á igualdade.

Deja un comentario