· O Concello e Gallaecia Raid organizan o 22 de novembro unha xornada deportiva que unirá orientación, aventura e natureza.
· O prazo para anotarse na nocturna finaliza o 15 de novembro e na liga MTBO o 16 de novembro.
O Concello de Bergondo acollerá o vindeiro sábado 22 de novembro de 2025 unha intensa xornada deportiva con dous eventos organizados conxuntamente co club Gallaecia Raid, que reunirán a participantes de toda Galicia e do norte de Portugal.
Pola mañá, celebrarase a VI proba da liga MTBO 2025, puntuable ademais como Campionato Xunta de Galicia en distancia media, unha competición de orientación en bicicleta de montaña que poñerá a proba a habilidade e a resistencia dos orientadores galegos.
A carreira discorrerá polos carreiros e pistas do municipio e constará dunha única proba en media distancia, cun percorrido secreto que os participantes coñecerán só no momento da saída. A primeira saída será ás 10:30 horas e a entrega de trofeos terá lugar ás 13:30 horas. O prazo de inscrición finaliza este domingo 16 de novembro.
Xa pola tarde-noite, o deporte volverá ser protagonista coa celebración da I Orientación Nocturna de Bergondo, unha proba popular aberta a todos os públicos que nace co obxectivo de achegar esta disciplina ao conxunto da cidadanía.
Organizada tamén polo Concello de Bergondo e Gallaecia Raid, a carreira desenvolverase en formato Rogaine, no que cada participante ou grupo deberá deseñar a súa propia estratexia para alcanzar o maior número posible de puntos dentro do tempo establecido.
Haberá tres modalidades:
• Carrera longa (3 horas), pensada para orientadores experimentados.
• Carrera curta (1,5 horas), para quen busca menor esixencia física ou se inician na orientación.
• Carrera infantil (1 hora), sen dificultade técnica, dentro das instalacións da Senra, especialmente pensada para nenos e nenas.
A proba arrincará coa recollida de dorsais ás 17:00 horas, e as saídas serán a partir das 18:30 horas. Os participantes deberán levar roupa deportiva, lanterna ou luz frontal, chaleco reflector, compás e teléfono móbil, sendo imprescindible controlar o tempo para non exceder o límite de carreira.
O número de prazas está limitado a 400 participantes e as inscricións poden formalizarse a través da plataforma tracktherace.com ata o 15 de novembro. As persoas empadroadas en Bergondo poderán participar de forma gratuíta, marcando a casa correspondente na plataforma de inscrición.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.