Tuesday 11 de November de 2025

Rueda resalta a aposta da Xunta por facer de Galicia un polo de atracción de empresas e riqueza


— Lembra que a comunidade ofrece estabilidade política e económica

— Salienta que Galicia ten unha gran oportunidade en sectores estratéxicos coma as enerxías verdes, a industria madeira-forestal, a intelixencia artificial ou a defensa e seguridade

— Demanda ao Goberno central avances en infraestruturas claves coma o Corredor Atlántico de Mercadorías ou a liberación da AP-9

— A Xunta presentará alegacións ao último borrador de planificación eléctrica do Estado xa que non da resposta as necesidades do tecido produtivo galego

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o compromiso do Goberno autonómico con facer de Galicia un polo de atracción de empresas e riqueza a través de medidas para facilitar a posta en marcha na comunidade de proxectos estratéxicos: “As administracións estamos para asegurar unha serie de cousas fundamentais. Establecer as regras do xogo, controlar que se cumpran, pero, a partir de aí, unha economía que funciona é unha economía liberalizada”, salientou.

Durante a súa intervención no Foro Economía galega e empresa, organizado por La Voz de Galicia e o Banco Santander, Rueda lembrou que o tecido empresarial é fundamental para dinamizar a economía dos territorios: “Hai problemas diante, pero estamos nunha boa situación. Somos unha comunidade exportadora no momento máis difícil para exportar, e iso quere dicir que o que facemos apréciase e moito. Esa Galicia Calidade da que falamos sempre, maniféstase tamén e moi especialmente a través dos empresarios”, apuntou o presidente. Tamén resaltou que Galicia ten grandes oportunidades en eidos coma as enerxías renovables, a industria forestal-madeira, o sector da defensa e da seguridade ou a intelixencia artificial.

O presidente autonómico destacou a estabilidade política e económica que ofrece Galicia para aqueles que decidan investir na comunidade cuns orzamentos aprobados en tempo e forma, que entrarán en vigor o vindeiro 1 de xaneiro: “Temos motivos para o optimismo, e isto é froito de moitos factores. A nosa xente, desde o autónomo que levanta a persiana ata o empresario que vende en todo o mundo o noso tecido empresarial. E tamén, na parte que nos toca, a estabilidade institucional. E a mellor forma de exemplificalos son eses Orzamentos”, puxo en valor Rueda.

Ademais, resaltou que Galicia mellora a súa converxencia ano a ano -a comunidade avanzou 6,6 puntos en PIB per cápita a precios constantes desde 2019, o dobre que a media estatal-; vén de rexistrar o mellor mes de outubro en número de afiliacións, alcanzou a creación de case novas 4.000 sociedades no que vai de ano e a previsión é que a economía galega medre este ano máis do sobre que da Unión Europea e a zona euro.

Reivindicacións

Malia os bos datos económicos de Galicia, Rueda salientou a importancia de que o Goberno central dea resposta á demanda de infraestruturas viarias e enerxéticas do tecido produtivo galego e que son claves para consolidar a posta en marcha de novos proxectos estratéxicos na comunidade. E incidiu na importancia de seguir reivindicando o que lle corresponde a Galicia desde todos os sectores da sociedade: “Esta unión de sociedade civil e administracións que empezamos a facer para reivindicar as grandes infraestruturas hai que seguir facéndoa, como a están facendo noutros sitios con éxito”, apuntou.

Nesta liña, reiterou a necesidade de que o Estado aposte firmemente polo Corredor Atlántico de Mercadorías, suprima as peaxes da AP-9 que vertebra a Galicia Atlántica e mellore a coordinación aeroportuaria para que os aeródromos galegos non queden atrás a nivel competitivo. Ademais, Rueda anunciou que a Xunta vai presentar alegacións ao último borrador sobre planificación eléctrica do Goberno central que non da resposta ás necesidades de enerxía que precisan empresas e industrias que queren asentarse na comunidade: “Non estamos a aproveitar toda a enerxía eólica que temos por uns criterios xudiciais que non están a suceder en ningunha outra comunidade autónoma. Uns criterios que foron revisados catro veces polo Tribunal Supremo, e nas catro dixeron que non eran correctos. Aquí estanse facendo as cousas ben, e imos seguir loitando pola solución”, destacou o presidente.

Deja un comentario