· Terá lugar este venres, 14 de novembro, ás 18 horas no Centro Cultural e está organizada polo Concello e Mar de Fábula.
O Concello de Camariñas, en colaboración coa asociación Mar de Fábula, organiza este venres, 14 de novembro, ás 18 horas na Ponte do Porto, concretamente no Centro Cultural, a terceira reunión informativa sobre a campaña de concienciación ambiental coa que se pretende sensibilizar á veciñanza sobre a importancia de non tirar nada ao mar e de protexer o medio mariño e o litoral do municipio.
A iniciativa, baixo o lema “Camariñas, a perla da limpeza ambiental da Costa da Morte”, busca promover unha maior responsabilidade cidadá na xestión dos residuos e na conservación da contorna natural.
A campaña estrutúrase en varias accións divulgativas. En primeiro lugar, difundiuse un tríptico informativo en todos os domicilios do municipio, no que se recollen mensaxes e recomendacións sobre boas prácticas ambientais e o impacto que o lixo mariño ten sobre a fauna e os ecosistemas costeiros.
Ademais, celebraranse varias reunións informativas nas diferentes parroquias de Camariñas co obxectivo de explicar os obxectivos da campaña e recoller as opinións e propostas da veciñanza. A primeira tivo lugar o pasado venres 10 de outubro na Casa de Pedra, a segunda foi no Museo Man e, despois da da Ponte do Porto, rematarase en Xaviña. A data serán confirmadas con suficiente antelación.
O Concello e Mar de Fábula fan un chamamento á participación veciñal nestes encontros, lembrando que a protección do mar e da contorna é unha responsabilidade compartida e que cada pequeno xesto conta para conservar o patrimonio natural de Camariñas.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.