Tuesday 11 de November de 2025

Neda activa a venda de entradas para a obra “Testosterona” da compañía Malasombra Producións


O Concello de Neda inicia a reserva e venda de entradas para o primeiro dos espectáculos do programa cultural “Tempo para o teatro”. Trátase da obra “Testosterona”, que se porá en escena este venres, a partir das 20.30 horas, na Casa da Cultura.

Protagonizada por Luis Iglesia e Camila Bossa, figuras ben recoñecidas no mundo do teatro, do cine e da televisión en Galicia, populares entre o público pola participación nalgunhas das series máis coñecidas da TVG como “Matalobos”, “Testosterona” reflexiona, en clave de comedia, sobre a desigualdade laboral por cuestión de sexo.

A compañía Malasombra Producións leva á escena o texto da autora mexicana Sabina Bernan, no que o director dun importante medio de comunicación debe deixar o seu posto en mans dun dos seus dous sub-directores (unha é muller, e o outro é home), revisando os factores que influirán na decisión.

As persoas que queiran asistir á función poden xa mercar as súas localidades, ao prezo de 2 euros, na biblioteca municipal. O ciclo municipal ponse en marcha co apoio da Rede cultural da Deputación da Coruña.

Deja un comentario