Os certames de postais, panxoliñas, escaparates e vivendas particulares volverán formar parte da programación das festas.
O Concello está a ultimar o contido do programa de eventos e actividades de Nadal, que contará con propostas para todos os públicos durante esas datas e concluirá coa Cabalgata dos Reis Magos. A programación municipal, como é habitual, incluirá tamén catro concursos con temáticas relacionadas coas festas para animar ao tecido comercial, escolares, asociacións culturais e cidadanía en xeral a xerar en todo o municipio o ambiente do Nadal.
Tres deses certames son os tradicionais de cada ano nestas datas. O concurso de postais vai dirixido a todo o alumnado de infantil e primaria dos colexios Otero Pedrayo da Laracha, Alfredo Brañas de Paiosaco e CEIP de Caión. Dividirase en catro categorías de premios (consistente en material didáctico, educativo, xogos e libros) diferenciadas por grupos de idade e que serán decididos polo xurado formado por representantes municipais e de cada centro de ensino. Os traballos serán presentados na Casa da Cultura da Laracha polos propios colexios. A valoración farase o xoves 18 de decembro na biblioteca da Laracha.
O certame de panxoliñas “María Angeriz Tuset” celebrarase o sábado 20 de decembro a partir das 18:00 horas na Casa da Cultura e vai dirixido ás asociacións culturais, coros parroquiais e grupos do municipio. As contías dos premios das catro categorías están dotados de 400, 300, 250 e 200 euros respectivamente, ademais da achega de 200 euros que cada grupo ten garantida polo feito de participar.
O concurso de escaparates alcanzará a súa 30ª edición. Repartiranse 1.800 euros en premios entre os cinco participantes mellor valorados polo xurado (500, 400, 300, 200 e 100 euros) e os tres que obteñan máis reaccións positivas durante o período de votación na páxina de Facebook do Concello da Laracha (150, 100 e 50 euros).
E ese mesmo sistema empregarase para decidir os premiados no concurso de fachadas, balcóns e xardíns particulares visibles desde o exterior que se convoca por terceira vez. Convídase a participar a todas as vivendas das trece parroquias do termo municipal que conten con espazos desas características e vaian ser decorados cos motivos propios do Nadal. Do mesmo xeito que no ano pasado, estableceranse dúas modalidades diferentes no concurso. Na de vivendas unifamiliares repartiranse 1.150 euros en premios para as tres mellores vivendas segundo o xurado (400, 300 e 200 euros) e as dous que reciban máis reaccións positivas en Facebook (150 e 100 euros). Na de fiestras, balcóns e fachadas de edificios a dotación económica dos galardóns será dun total de 375 euros (150 e 100 euros para os mellor valorados polo xurado e 75 e 50 euros para o concurso en Facebook).
As bases dos catro certames publicaranse nos próximos días no Boletín Oficial da Provincia (BOP) antes de abrirse o prazo de inscrición, que poderá facerse en liña ou presencialmente na Casa da Cultura coa única excepción do concurso de postais, xa que os traballos deben presentarse a través dos colexios.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.