Ramón Raíndo e Silvia Cerneira ofreceron esta mañá a última actuación
Os nenos e nenas da gardería municipal de Brión gozaron esta mañá dun concerto especial de música infantil a cargo de Ramón Raíndo e Silvia Cerneira, que serviu para pechar a Semana da Música 2016. Unha iniciativa posta en marcha pola escola infantil para que os cativos se inicien no gusto á música, tarefa para a que contan coa colaboración desinteresada de exalumnos, pais e mais que comparten a súa arte cos pequenos.
Ramón Raíndo explicaba que “é a primeira vez que actuamos como voz e guitarra e tamén a primeira vez que o facemos diante de nenos, aos que lles imos presentar un disco para nenos elaborado na escola de música de Baio”. Un disco que pronto combinaron con cancións infantís moi coñecidas polos cativos, que non puideron quedar quedos e remataron bailando por todo o patio da escola infantil municipal.
Pola súa banda, Silvia Cerneira destacaba que este tipo de iniciativas, como a Semana da Música, “son moi interesantes, aínda que ás veces é incompatible co horario de traballo. Pero tamén nos serve para coñecer aos compañeiros dos nosos pequenos, a outros pais e tamén ter un contacto máis estreito cos seus mestres”.
Dado o éxito acadado o pasado ano, as sesións deste ano volveron ser abertas aos pais e nais, que só tiñan que asistir ás 10:15 horas. En total, celebráronse tres concertos no patio da propia escola infantil. Ademais do dúo Ramón Raíndo e Silvia Cerneira, o pasado martes actuou un grupo de veciños da zona, chamado “Grupo L4miño”, composto por Fran Rois, Carlos Uñarte, Félix Rodríguez e Gerardo Otero. O mércores 5 de abril foi a quenda do Coro “Briarme”, composto por Juan (guitarra), Aye (laúde), Raquel (bandurria) e Montse e Patri (voz).