Un acto coa participación de Arne Ivar Mikalsen, vicpresidente da asociación; Luís Oujo, presidente da Asociación de Concellos do Camiño da Ría Muros Noia e a alcaldesa de Muros, María Lago
O Concello de Muros acolleu esta mañá o acto de entrega dos premios do concurso “Draw your map”, promovido pola Asociación Internacional Vía Querinissima e que nas súas dúas modalidades foi gañado por alumnado de 5º de Primaria do CEIP Ramón de Artaza e de 1º da ESO do IES As Insuas (Muros). Unha rapazada que estivo presente nun acto institucional no que tomaron parte o vicepresidente da Asociación Internacional Vía Querinissima, Arne Ivar Mikalsen; o secretario xeral do Consello Rexional do Veneto, Roberto Valente; o presidente da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia, Luis Oujo; e a alcaldesa de Muros, María Lago.
Luís Oujo destacou “o bo facer do profesorado e do alumnado do CEIP Ramón de Artaza e Malvárez e do IES As Insuas, pois o xurado declarou que os seus traballos son exemplos de intercambio, creatividade e interacción, ademais de gañar por unanimidade un concurso no que participaron escolares de 7 a 14 anos de idade de 10 países da Vía Querinissima”.
Pola súa banda, o noruegués Arne Ivar Mikalsen salientou a importancia “deste tipo de iniciativas para darlle á xente nova un espazo para expresar a súa creatividade, convidándoos a reinterpretar a viaxe de Pietro Querini a través de novos ollos, novas palabras e novos mapas. Un itinerario fresco e auténtico”. Luís Oujo e Erika Baldin, do comité executivo do Consello Rexional do Veneto, entregaron os correspondentes diplomas acreditativos, así como dun premo de 500 € para cada centro educativo en mobiliario escolar. A rapazada participará nunha viaxe sorpresa que organizará a Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia.
Proxecto piloto
“Draw your map” é un proxecto piloto promovido no ano 2024 por esta asociación internacional para mellorar a conciencia dos estudantes máis novos sobre o patrimonio europeo e comprometelos na promoción da Vía Querinissima. A iniciativa estaba dirixida a escolares de entre 7 e 14 anos de Italia, Noruega, Suecia, Suíza, Grecia, España, a Cidade do Vaticano, Portugal, Austria e Reino Unido. Para participar, tiñan que debuxar un mapa para representar a historia do mariño e comerciante Pietro Querini no século XV, nun percorrido que o levou a Muros o 26 de outubro de 1431 e despois a Compostela, converténdose nunha das máis antigas peregrinacións documentadas do Camiño da Ría de Muros Noia.
“Viaxa con Querini”, do grupo de 5º de Primaria do CEIP Ramón de Artaza foi premiado pola súa capacidade para promover a interacción, a aprendizaxe e o entretemento a través dun traballo creativo e visual excepcional. Un proxecto extraordinario no que a viaxe de Querini serve de camiño para ofrecer ao alumnado un enriquecemento cultural moi atractivo. Sobre “Antes e agora”, presentado polo grupo de 1º da ESO do IES As Insuas, o xurado destacou que a través dunha perspectiva histórica, o traballo compara o pasado e o presente da zona, amosando a súa evolución ao longo do tempo e destacando o paso de Querini polo lugar. Un enfoque que combina investigación, creatividade e difusión cultural.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.