Monday 10 de November de 2025

Narón volve participar na “Volta á Ría – Memorial Adolfo Ros”, a gran cita atlética de Ferrolterra


Narón volverá ter presenza destacada na Carreira Popular “Volta á Ría – Memorial Adolfo Ros”, unha das probas máis emblemáticas do calendario deportivo de Ferrolterra. A cita, organizada este ano polo Concello de Neda coa colaboración de Fene, Ferrol e Narón, celebrarase o domingo 14 de decembro e mantén aberta desde hoxe a inscrición a través da web www.carreirasgalegas.com.

O concelleiro de Deportes de Narón, Ibán Santalla, participou esta mañá na presentación oficial desta XXXIX edición, xunto cos representantes dos demais concellos e o alcalde de Neda, Ángel Alvariño. O acto celebrouse ao pé da Torre do Reloxo, onde tamén se deu a coñecer o cartel da proba, obra da ilustradora Blanca Escrigas.

A “Volta á Ría” é unha media maratón de 21 quilómetros que percorre tramos urbanos dos catro municipios organizadores, incluído Narón, e que figura no calendario oficial da Federación Galega de Atletismo. A saída e a meta estarán situadas en Neda, no Camiño do Regueiro, preto dos accesos á AP-9.

A carreira absoluta comezará ás 10:00 horas, con apoio da Garda Civil de Tráfico, das Policías Locais e das Agrupacións de Protección Civil dos catro concellos, entre eles o de Narón, que colaborarán na regulación do tránsito e na seguridade viaria.

Como cada ano, a organización prevé tamén probas infantís con distancias máis curtas, entre 50 metros e 3 quilómetros, para fomentar a participación da rapazada, ademais de modalidades adaptadas para persoas con discapacidade visual ou usuarias de cadeiras de rodas e handbikes.

Os trofeos recoñecerán aos vencedores absolutos e tamén aos tres primeiros clasificados masculinos e femininos da media maratón residentes en calquera dos concellos organizadores, así como aos mellores de cada categoría.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 10 de decembro ás 23:59 horas. A participación na carreira absoluta ten un custo de 7 euros, mentres que as probas para menores serán de inscrición gratuíta.

Desde o Concello de Narón animan á veciñanza a participar e a apoiar unha proba que “non só promove o deporte e a vida saudable, senón que tamén reforza a colaboración entre os municipios da ría e proxecta a comarca como espazo deportivo e solidario de referencia”.

Deja un comentario