Monday 10 de November de 2025

O Concello avanza no parque do Observatorio, executará a adecuación provisional das zonas verdes


Esta actuación forma parte da primeira fase de melloras no parque, que incluíu a demolición dos peches exteriores que impedían o acceso, así como a instalación dos novos valados interiores da AEMET

O Concello dará continuidade estes días aos traballos de adecuación previstos no parque do Observatorio, onde xa remataron as tarefas correspondentes á demolición dos peches exteriores que, ata agora, impedían o acceso ao parque. Tras completarse esta parte, o Executivo local está a actuar nas áreas verdes.

A alcaldesa, Inés Rey, contextualizou estas melloras, incluídas na primeira fase de remodelación do parque: “Xa se completou a instalación dos novos valados perimetrais arredor do edificio do Observatorio da AEMET e, a posteriori, remataron os traballos de derrubamento dos muros exteriores. Agora estamos dando os seguintes pasos previstos, actuando sobre os espazos axardinados para acondicionar as zonas abertas á cidadanía”.

O acondicionamento céntrase estes días no sementado das áreas de céspede, o desbrozamento de maleza, nivelado da terra e despedregamento, traballos que requiren, a miúdo, o peche ou acoutado provisional das zonas de actuación, para facilitar o crecemento da herba, como se fixo recentemente a carón da praza da Tolerancia.

Tamén se prevé plantar varios novos exemplares de arboredo e, ademais, habilitar mobiliario urbano como bancos e papeleiras. O espazo deberá permanecer pechado mentres non arraigue o céspede, para garantir o seu asentamento. Previsiblemente a finais deste ano poderá abrirse para o seu disfrute.

A alcaldesa lembrou que ás dúas superficies de uso que se habilitarán no parque da Agra —grazas ao convenio co Goberno estatal— tamén se sumarán, a posteriori, outros 3.000 metros cadrados, en réxime de cesión gratuíta, dunha parcela lindeira ao parque, o antigo soar das Adoratrices.

Cómpre lembrar que o pleno aprobou a finais de xullo o convenio urbanístico necesario para adoptar esta medida, que ademais de dar cumprimento a unha sentenza firme do TSXG —que recoñeceu como solo urbano consolidado unha parte da parcela do ámbito POL M-22, o soar das Adoratrices— permitirá aproveitar como área verde e espazo libre de uso público esa superficie de 3.000 metros cadrados, que, ademais, urbanizará a promotora que ostenta a titularidade deste ámbito.

Deja un comentario