Monday 10 de November de 2025

O Concello de Ribeira saca a licitación a mellora da rúa Miguel Rodríguez Bautista


 O orzamento ascende aos 79.322,65 euros

A mellora dunha das principais vías de acceso ao centro urbano do municipio é o obxectivo marcado polo Concello de Ribeira na licitación da mellora da rúa Miguel Rodríguez Bautista.

As obras permitirán mellorar a seguridade viaria desta rúa mediante a renovación do firme actual da calzada, pavimentándoa cunha nova capa de aglomerado asfáltico en quente de 6 cm de espesor. Para iso, primeiro procederase co corte e fresado do actual pavimento; o estendido da capa de mestura bituminosa en quente con adecuación das tapas de rexistro á nova rasante; e o pintado de sinalización horizontal, a realizar todo no prazo dun mes.

O orzamento da licitación é de 79.322,65 euros, IVE incluído, con cargo ao POS+2025. As empresas interesadas dispoñen ata as 23.59 horas do 24 de novembro para presentar as súas ofertas a través do Sistema de Licitación Electrónica da Xunta de Galicia (SILEX).

Deja un comentario