Hoxe ás 19:30h comeza na Casa de Xuventude a rolda de charlas informativas sobre a compostaxe doméstica que promove o Concello como paso previo á implantación do modelo de tratamento domiciliario dos restos orgánicos. A información remitímola a semana pasada: https://sansadurnino.gal/san-sadurnino-apostara-pola-compostaxe-domestica/
As convocatorias pertencen á OPE de 2024
O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe as bases polas que se rexerán catro procesos selectivos de persoal convocados polo Concello de San Sadurniño, pertencentes á oferta pública de emprego de 2024. Dous deses procedementos son abertos ao público -poderá concorrer calquera persoa que cumpra os requisitos- mentres que os outros dous son de promoción interna para persoal que xa forma parte do cadro municipal. Os de carácter público permitirán contratar 4 persoas para o Servizo de Axuda no Fogar, que é de titularidade municipal, e tamén para incorporar un novo administrativo ou administrativa á oficina do rexistro. Os postos que se cubrirán por promoción interna son os de operario/a de maquinaria e o de administrativa/o de Servizos Sociais. Malia que as bases dos catro procedementos están xa dispoñibles desde hoxe, para presentar as instancias haberá que agardar a que os anuncios saian tamén publicados no Boletín Oficial do Estado.
A convocatoria de maior entidade é a correspondente ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF), cun total de catro prazas de persoal laboral fixo, das cales unha se reserva para persoas con discapacidade igual ou superior ao 33% (se non houbese ningunha persoa aprobada nesta circunstancia, a praza pasaría para a convocatoria xeral). As prazas teñen unha xornada do 80% para o desenvolvemento de tarefas de apoio persoal e doméstico ás persoas usuarias do servizo. O proceso selectivo realizarase mediante concurso de méritos, e tamén servirá para crear unha bolsa de traballo. As persoas aspirantes deberán contar co certificado profesional de atención sociosanitaria a persoas no domicilio ou equivalente e medios de transporte propios.
O BOP tamén publica hoxe as bases da convocatoria para cubrir unha praza de Administrativo/a de Administración Xeral, como persoal funcionario do grupo C1. Este proceso levarase a cabo mediante concurso-oposición con tres exercicios eliminatorios -coñecemento do galego se non se dispón de Celga 4, proba teórica e proba práctica-, así como unha entrevista curricular na fase final, ademais da valoración de méritos de formación e experiencia. As funcións principais do posto como persoal funcionario abranguen a atención ao público, a xestión do Rexistro e do Padrón e a tramitación de expedientes, entre outros cometidos. Requírese estar en posesión do título de Bacharelato ou Formación Profesional de segundo grao ou equivalente.
As outras dúas convocatorias, de promoción interna, están dirixidas á mellora das condicións do persoal laboral que xa traballa no Concello. Unha delas permitirá cubrir unha praza de Administrativo/a de Servizos Sociais, mediante concurso de méritos. A persoa seleccionada traballará no departamento de Servizos Sociais e Igualdade apoiando a xestión de programas destas áreas, o funcionamento do SAF e a levanza de expedientes e nóminas, entre outras tarefas. Para participar é preciso ter dous anos de servizo no Concello e posuír o título de Bacharelato ou equivalente.
A segunda convocatoria de promoción interna é para unha praza de Operario/a de maquinaria municipal, tamén mediante concurso. O posto, adscrito ao departamento de Urbanismo e Obras, implica o manexo de tractores e outra maquinaria, así como tarefas de roza, mantemento e pequenas reparacións. As persoas aspirantes deberán contar con dous anos de antigüidade no Concello, o título de ESO ou equivalente e o carné de conducir B.
En todos os casos, as solicitudes para participar nos procesos selectivos deberán presentarse a través da Sede Electrónica municipal, presencialmente no Rexistro do Concello ou por calquera dos medios previstos na normativa, acompañadas da documentación e do xustificante do pagamento dos dereitos de exame. O prazo de presentación abrirase o día seguinte á publicación das convocatorias no Boletín Oficial do Estado, momento a partir do cal comezarán a admitirse as instancias.
Toda a información pode consultarse no portal de transparencia da Sede Electrónica municipal, no tablón de anuncios e tamén nos resumes que hai publicados no apartado de Avisos da web municipal, onde irán publicándose as ligazóns a todos os documentos que vaian xerándose ao longo de cada procedemento.
As convocatorias encádranse na oferta pública de emprego de 2024. Tal e como apuntou o alcalde, Secundino García Casal, o Concello “adianta os prazos para levar a cabo os procesos”, habida conta de que trala súa aprobación, as OPEs deben tramitarse nun máximo de tres anos “e nós facémolo en menos dun ano”. O alcalde destacou “a importancia” desta serie de convocatorias en particular, xa que nelas se inclúe “o reforzo do SAF, que é municipal, coa contratación de catro persoas”. “Todas as convocatorias son necesarias para mellorar o funcionamento do Concello, pero a do Servizo de Axuda no Fogar ten para nós unha importancia especial por tratarse dun servizo prioritario para a veciñanza”, recalcou García Casal.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.