Sunday 09 de November de 2025

Ribeira xuntou festa e tradición nun exitoso magosto popular organizado polo BNG e Altofalante


A praza do Concello de Ribeira encheuse este sábado 8 de novembro de veciñas e veciños que participaron no magosto popular organizado polo BNG, Galiza Nova e a Asociación Cultural Altofalante, nunha xornada festiva.

Dende as 19:30 horas, centos de persoas achegáronse á praza para desfrutar dun programa variado que comezou coa presentación do libro infantil “O Magosto de Brais”, do autor ribeirense Jorge Pérez Sampedro, unha actividade que espertou gran interese entre o público máis novo e as súas familias.

A continuación, o ambiente festivo continuou cos xogos populares, a música do DJ Jalaiko e o reparto gratuíto de castañas asadas. Xa entrada a noite, a queimada popular a cargo de Nando Llon reuniu a un gran número de asistentes, que acompañaron o tradicional conxuro, pechando a xornada.

O portavoz do BNG en Ribeira, Luís Pérez Barral, mostrouse satisfeito polo éxito da convocatoria:
“Foi unha tarde-noite marabillosa, con moita participación e un ambiente cheo de familias. O obxectivo era crear un espazo de encontro para celebrar a nosa cultura e a nosa lingua, e conseguimos que a xente pasara un bo momento”.

Pola súa banda, o presidente da Asociación Cultural Altofalante, David Casais, destacou a boa acollida e o valor simbólico desta celebración:
“Estamos moi contentos de ver como Ribeira respondeu a esta proposta. Foi un pracer colaborar na organización deste magosto e comprobar que a xente ten ganas de participar, de facer comunidade. A presentación do libro “O Magosto de Brai” foi moi ben recibida xa que se esgotaron os libros e amosa que tamén desde a cultura infantil podemos fortalecer o noso idioma e as nosas tradicións.”

As organizacións agradeceron a colaboración das persoas voluntarias e o comportamento exemplar do público, e adiantaron que se repetirá en próximos anos o magosto popular, coa intención de consolidar esta cita como unha das máis destacadas do outono ribeirense.

Deja un comentario