Centos de persoas pasaron esta mañá en Perillo pola Feira do Mel, que celebrou a súa 35 edición coa man do Concello tendida aos numerosos apicultores e apicultoras que se achegaron cos seus produtos relacionados con este alimento natural. Non só foi mel en si mesma, senón tamén outros produtos e obxectos como queixos ou cremas elaboradas con base a esta substancia elaborada polas abellas e tan apreciada desde hai milenios polo xénero humano.
Un produto, segundo se constatou baixo a polideportiva da II República, segue ameazado pola globalización debido ao comercio transnacional e á venda a baixos prezos, o que supón un hándicap para os meleiros. Ese razoamento é o que agocha a organización desta feira: promover o comercio de proximidade, achegalo aos públicos máis urbanos e celebrar un día de festa arredor dun alimento san, rico e saudable.
A música tradicional de Semente Nova de Perillo e un concerto da Banda Municipal ambientaron o comercio, cheo de visitantes que aproveitaron a mañá do domingo para mercar mel para varios meses coa que adozar as súas vidas.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.