Esta semana comezou unha nova rolda de consellos parroquiais, a primeira tras o relevo na Alcaldía, e, como xa é costume, respectamos a orde alfabética e arrincamos na parroquia de Aldemunde.
Xunto a unha nutrida representación da veciñanza, na reunión participaron representantes dos tres grupos da corporación municipal. O alcalde, Daniel Pérez, fixo un repaso das propostas presentadas no anterior consello, a maior parte xa executadas ou en marcha. Nese sentido, desde a veciñanza valorouse moi positivamente a incorporación da parroquia de Aldemunde ao programa de exercicio físico para maiores, así como ás actividades que se levan a cabo dentro do programa Remocea.
Así mesmo, a demanda veciñal máis cuantiosa, a pavimentación do núcleo de Aldemunde de Arriba, será unha realidade a curto prazo. O proxecto está incluído no POS+ Complementario cun orzamento de 212.535,42 €, e está previsto iniciar este mesmo ano o proceso de licitación para que as obras poidan executarse no 2026. A actuación consistirá na instalación de canalizacións de saneamento e augas pluviais, a pavimentación do rueiro do núcleo nunha superficie de 3.000 metros cadrados, sinalización horizontal e vertical, colocación de mobiliario urbano e axardinamento.
Ademais do alcalde, na xuntanza de Aldemunde tamén se estreou Ramón Varela Rodríguez como responsable da área de Participación Veciñal. O concelleiro púxose a disposición da veciñanza para que, ademais das reunións anuais dos consellos parroquiais, teñan unha canle de comunicación do Concello permanentemente aberta para trasladar as cuestións que poidan ir xurdindo no día a día.
Unha das principais reivindicacións da veciñanza de Aldemunde neste momento, tal como se puxo de manifesto no consello parroquial, é a fibra óptica, da que carecen varios lugares. Desde o Concello de Carballo xa se realizou unha petición nese sentido á compañía que presta o servizo, pero, ante a falta de resposta, acordouse reiterala. A outra petición é a canalización das augas da Barreira e da estrada xeral, para o cal pedirase a colaboración das persoas propietarias dos montes.
O concelleiro Luis Lamas tamén informou ao remate da sesión de que tamén está en marcha o proceso de consecución dos terreos necesarios para intervir no xacemento arqueolóxico da Pedra Moura de Aldemunde, incluído no Parque do Megalistismo da Costa da Morte.
O próximo consello parroquial celebrarase o xoves 13, ás 20.00 horas, en Ardaña.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.