O festival, que iniciou a súa novena edición con grande acollida, encara as próximas semanas con propostas para todos os públicos e novos escenarios como o Cárcere de Curtis ou o Centro Ágora
O Festival das Artes pola Inclusión e a Diversidade continúa nas próximas semanas coa súa programación en marcha e cunha destacada participación cidadá nas primeiras actividades. O festival, impulsado polo Concello da Coruña a través da Fundación Emalcsa, ofrece ata o 28 de novembro unha proposta cultural diversa e accesible, cunha trintena de actividades en máis dunha ducia de espazos da cidade.
Un dos puntos destacados deste ano é a incorporación do cinema como nova disciplina do festival, grazas á colaboración co Fórum Metropolitano. O ciclo Un plano diferente, que deu comezo esta semana con cheo nas primeiras proxeccións, reúne catro longametraxes e unha selección de curtametraxes do proxecto Miradas Diversas, elaboradas por usuarias de entidades como Apem Coruña e Aspronaga.
Tras o éxito de Intocable esta fin de semana, o ciclo continuará os días 13, 14 e 15 de novembro coa película Olvido y León, de Xavier Bermúdez, unha historia sobre os vínculos e a responsabilidade compartida na convivencia coa diversidade funcional. As sesións terán lugar os xoves e venres ás 20:00 h, e os sábados ás 17:30 h e 20:00 h, na Sala Fernando Rey, con entradas a prezos accesibles.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, salientou “a magnífica acollida deste inicio de festival, que volve demostrar que a inclusión non é unha excepción, senón un modelo necesario para construír cidade desde a cultura”.
Pola súa parte, a concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, destacou que “o éxito do arranque do Festigual é froito do traballo conxunto entre institucións, entidades sociais e comunidade artística. Esta colaboración permite que a cultura se vexa, se escoite e se viva desde todas as realidades posibles”.
A programación do FESTIGUAL continuará nas vindeiras semanas con espectáculos profesionais, propostas comunitarias, obradoiros interxeracionais e accións en novos espazos como a Fundación Marta Ortega ou o Cárcere de Curtis, onde se representará unha versión accesible de Yerma.
O festival pechará coa actuación de A Banda da Loba no Centro Ágora, nun concerto final inclusivo no que presentarán o seu novo disco Lovismo. Ademais, seguirán abertas as exposicións Carreiros sen néboa e a mostra filatélica sobre a liña férrea A Coruña–Lugo, iniciativas que completan unha edición pensada para todos os públicos.
A programación completa pode consultarse en www.festigual.gal.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.