Saturday 08 de November de 2025

O Concello lanza a tempada de novembro e decembro de Nocturnia


A programación de ocio alternativo e saudable para a mocidade ofrece máis de mil prazas gratuítas

A oferta inclúe actividades culturais, deportivas e creativas en espazos municipais, con inscricións semanais en liña

O Concello da Coruña activa unha nova tempada do programa municipal Nocturnia, que se desenvolverá entre os meses de novembro e decembro con máis de mil prazas gratuítas dirixidas á mocidade de entre 12 e 30 anos. A programación inclúe actividades culturais, deportivas, creativas e medioambientais en horario de tarde-noite durante as fins de semana.

Nocturnia, cofinanciado polo Plan Nacional sobre Drogas, ten como obxectivo ofrecer alternativas de lecer saudable, accesible e diverso. As actividades terán lugar en diferentes espazos municipais da cidade, como as Naves do Metrosidero, o Centro Sociocultural

Ágora, o Espazo Manchea e a Rede Municipal de Centros Cívicos. Nocturnia forma parte do amplo abano de actividades deseñado polo Goberno de Inés Rey para a mocidade e das política específicas para mozos e mozas postas en marcha desde o 2019 que inclúe, entre outras, a apertura dos espazos do Metrosidero e Remanso e de novas áreas deportivas.

Entre as propostas destacadas desta edición atópanse saídas á natureza e itinerarios por contornas singulares, como a Illa de Arousa, as Termas de Bande, os Ancares ou actividades en kaiak no encoro da Ribeira (As Pontes), xunto con experiencias de espeleoturismo na Cova do Rei Cintolo. A programación complétase con obradoiros de fotografía, gravado e serigrafía, rotulación 3D, carpintaría creativa, bordado contemporáneo, danza urbana, k-pop, iniciación ao teatro, cultura “soundsystem” e roteiros histórico-culturais dramatizados pola cidade.

A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade Nereida Canosa salientou que “queremos que cada venres e sábado a mocidade teña alternativas atractivas e accesibles para explorar intereses, crear e compartir en comunidade. Nocturnia é unha aposta firme por un ocio diverso e saudable, e pola colaboración con entidades, asociacións e colectivos xuvenís, o que promove a consolidación dunha rede sólida de cooperación no eido do ocio alternativo”.

A inscrición realizarase en liña, de forma semanal, a través do portal web www.coruna.gal/nocturnia. O prazo abrirase os luns pola tarde e permanecerá activo ata o xoves ao mediodía, ou ata esgotar prazas. A participación é gratuíta e formalízase cubrindo un formulario sinxelo; será preciso presentar o DNI no acceso á actividade.

As prazas ofertaranse en varias quendas por fin de semana, os venres e sábados, con aforos adaptados a cada actividade. O sistema facilita a rotación e o acceso de novas persoas participantes en cada edición.

Entre as primeiras citas desta tempada figuran, para os días 7 e 8 de novembro, obradoiros de danzas urbanas, percusión grupal, creación artística, dúas sesións de escape room e unha xincana en bicicleta pola Illa de Arousa con ruta ambiental. Nas semanas seguintes destacarán sesións de xogos de mesa e roles ocultos, introdución ao Quadball, unha game jam con software libre, visitas dramatizadas e obradoiros de cinema en curto.

Toda a información actualizada (calendario por días, horarios e localizacións) así como o acceso ás inscricións, está dispoñible no portal municipal do programa e nos perfís oficiais de @nocturniacoruna en redes sociais.

Deja un comentario