Saturday 08 de November de 2025

Últimos días para inscribirse na carreira popular de Novo Mesoiro, que pechará o seu prazo de solicitudes o vindeiro día 16 de novembro


Hai máis de 2.200 persoas anotadas entre as diversas categorías

O Concello traballa estes días nos últimos detalles de organización da carreira popular de Novo Mesoiro, que terá lugar o domingo 23 de novembro e suporá o peche desta tempada do circuíto Coruña Corre.

Neste sentido, o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, lembrou hoxe que o prazo de inscricións na carreira rematará a finais da vindeira semana. Concretamente, ás 23.59 horas do domingo 16. As persoas interesadas en formalizaren a súa participación poderán facelo a través da páxina web de Coruña Corre.
“Novo Mesoiro poralle o broche final a unha edición que estamos a desfrutar ao máximo. Pola lonxitude dos percorridos, este circuíto é ideal para achegar persoas de todas as idades ao mundo do running. E, ademais, ten un efecto moi positivo nos barrios nos que se celebran as probas, xa que os dinamiza e dálles máis vida”, indica Vázquez.

O edil apuntou que, a día de hoxe, hai máis de 2.200 persoas inscritas na carreira de Novo Mesoiro, cifra que engloba tanto as persoas que se inscribiron no conxunto xeral do circuíto como especificamente nesta carreira, tanto na categoría absoluta como nas inferiores.

Como xa é habitual nestes casos, é indispensable confirmar a participación na carreira a través da web de Coruña Corre.

Como xa se notificou días atrás, a xornada deportiva do día 23 en Novo Mesoiro arrincará ás 10.00 horas na rúa dos Ancares, a carón do pavillón polideportivo municipal. Tras a saída das e dos participantes na proba absoluta, será o turno das categorías inferiores, con saídas escalonadas entre as 11.15 e 12.30 horas.

Deja un comentario