Thursday 21 de November de 2024

Máis de 200 nenas -e un neno- participarán este sábado no II Campionato de Ximnasia rítmica do Concello de San Sadurniño


Todo está case a punto no pavillón municipal de San Sadurniño para acoller na tarde deste sábado -16.00h.- a segunda edición do campionato de ximnasia rítmica organizado polo Club Brío en colaboración co Concello. Nel participarán unha ducia de clubes chegados de distintos puntos da Coruña e da provincia de Lugo, reunindo na pista a máis de 200 nenas e ao único neno -o ximnasta local Mateo Couce- dentro dun evento que supón un auténtico desafío organizativo para o club anfitrión. Ademais da cesión das instalacións e de dar apoio loxístico, o Concello suscribiu esta mesma mañá un convenio coa entidade por valor de 1.000 euros dirixido integramente ao finanzamento deste campionato co que Brío agarda encher de público o pavillón.

O acordo asinárono a alcaldesa delegada, Amparo Calvo, e Pamela Picos en nome do club, acompañadas ambas no intre da rúbrica pola titular de Cultura e Deportes, Sabela Íñiguez, e por Tania Graña, outra das responsables da entidade. O convenio estipula a colaboración económica municipal para a adquisición dos trofeos e medallas do campionato e para axudar nos custes de cartelaría e difusión do evento. A cambio, a entidade asume o compromiso de levar o peso organizativo do encontro e de colaborar co Concello noutras actividades que se desenvolvan ao longo do ano.

O campionato arrancará ás 16.00h. no pavillón municipal coa participación de 12 agrupacións ademais da organizadora. Confirmaron a súa presenza o Esquío de Ferrol, as escolas municipais de Ares e As Pontes, a escola Xiada de Pontevedra e os clubes de Oroso, Abegondo, Carral, Apóstolo Santiago, Porta Norte de Burela, Colexio Eirís e Ximnasia Rítmica Compostela. En total xuntaranse sobre o tapiz arredor de 210 nenas e un único neno, o ximnasta do Brío Mateo Couce, con idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos. A competición disputarase en categorías prebenxamín, alevín e individual en ximnasia, aínda que tamén incorporará varias exhibicións en danza e rítmica.

Este é o segundo grande evento que enfronta o Club Brío, unha das entidades de creación máis recente en San Sadurniño. Malia contar cun cadro de tan só 25 deportistas, Brío xa ten demostrado o seu potencial competitivo e organizativo. Porén o de mañá é algo máis. Tal e como sinalaba esta mañá Pamela Picos, neste segundo campionato contan que senten nas bancadas do pavillón “unhas 500 persoas” e de aí que o encontro supoña un reto “no que levamos traballando desde o mes de decembro”.

A este respecto, a representante do club destaca que o resto de formacións “sorpréndense de que nun pobo tan pequeno poidamos organizar un campionato coma este e de que teñamos tantas nenas en rítmica e danza”.

A titular de Deportes, Sabela Íñiguez, ratificou o apoio municipal ás “actividades alternativas pero cun grande potencial, como é o caso da ximnasia rítmica”. Íñiguez sinalou neste sentido que “igual que ocorreu e está ocorrendo co volei, hai disciplinas que en principio poden ser minoritarias pero nas que se pode destacar cando existe por detrás un proxecto ben definido”. A concelleira puntualizou, por último, que a danza e a rítmica “son deporte” e que, polo tanto, “actividades nas que poden participar tanto nenas como nenos, sen distinción. Por desgracia aínda existen prexuízos nesta cuestión que debemos romper por medio da educación e da concienciación.”