O barrio do Chorís terá moi pronto un parque infantil máis grande e con capacidade para moitos máis nenos e nenas. Esta semana comezou a instalación da peza central da ampliación: un xogo de case 9 metros de altura que replica o depósito da auga situado a poucos metros de distancia. O alcalde, Daniel Pérez, e os concelleiros Juan Seoane e Miguel Vales achegáronse ata o parque coincidindo coa colocación da torre, unha operación que chamou tamén a atención da veciñanza porque foi precisa unha grúa de grandes dimensións.
Igual que o trolebús do Rego da Balsa ou o carballo da Praza do Outeiro, a réplica do depósito do Chorís xerará unha nova experiencia de xogo para os nenos e nenas. O xogo terá unha capacidade mínima de 28 usuarios/as de xeito simultáneo, que disporán de elementos de trepa, escalada, reunión, esvarada, paneis lúdicos… A torre ten varios niveis, e en cada un deles hai xogos diferentes. Na planta baixa, por exemplo, terá rocódromo, plataformas de escalada colgadas de cordas, engranaxes xiratorios e panel labirinto xiratorio tamén. Desde as plantas máis altas sairán dous tobogáns tubulares de aceiro un de 4,8 metros de altura e outro de 6,8 metros. Ademais, os pilares do xogo contarán con iluminación LED, o que permitirá o seu uso ata a noite e destacará o seu carácter monumental.
Pero, ademais da torre, na ampliación do parque do Chorís xa poden verse outros xogos novos para nenos e nenas de diferentes idades, aínda que a maioría son para maiores de catro ou de seis anos, o que permite complementar os situados na outra parte do parque. En concreto, haberá un xogo de balanceo con capacidade para catro usuarios/as de 4 a 14 anos; unha plataforma de equilibrio e balanceo para maiores de 6 anos; un conxunto modular con tres plataformas e accesorios, con tobogán, rede de trepa central, rocódromo de trepa e barra de bombeiros, con capacidade para 18 usuarios de 4 a 12 anos; outro xogo múltiple para un máximo de cinco nenos/as de 4 a 14 anos, e un bambán tipo niño, para un máximo de cinco usuarios/as de 2 a 8 anos.
A elección deste tipo de xogos permitirá que estean xogando a un tempo un mínimo de 60 nenos e nenas, que se sumarán aos usuarios e usuarias da outra zona do parque.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.