A Sinfonía Bergantiños segue a darnos alegrías. Despois do seu lanzamento o 24 de outubro en todo o mundo a través das principais plataformas dixitais, chegará proximamente ao mercado en formato CD, cunha edición moi coidada que inclúe un libreto cunha recensión do autor, Sergio Moure; a descrición dos tres movementos que a compoñen, Lembranzas, Sisargas e Carballo; críticas especializadas, fotografías da estrea e do noso concello, e unha longa listaxe de agradecementos a todas as persoas e entidades que fixeron posible este traballo discográfico, ademais da ficha técnica.
Hoxe, na sede da SGAE de Santiago de Compostela, presentamos o disco da Sinfonía Bergantiños. O seu autor e promotor, Sergio Moure, estivo acompañado polo alcalde de Carballo, Daniel Pérez; a concelleira de Cultura e Festas, Maruxa Suárez; o director do Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo, Javier Bardanca, e o director da Orquestra Gaos, Fernando Briones. No acto participaron tamén outras persoas que tiveron moito que ver co nacemento desta obra sinfónica, como o ex alcalde Evencio Ferrero; a responsable de Comunicación do Concello de Carballo, Cristina Abelleira, que coordinou o proxecto, ou as cantareiras das agrupacións carballesas, representadas por Gema Moreira.
Sergio Moure abriu a presentación cunha explicación sobre o proceso creativo que desembocou na Sinfonía Bergantiños. “As miñas lembranzas de Carballo marcáronme moitísimo, marcáronme como neno e como o home que son, e a verdade é que é unha mochila emocional que teño e que quería expresar. Intentei facer o mellor posible esta sinfonía, dedicada a Carballo e Bergantiños, e tamén ao meu pai, que sempre quixo que compuxese unha obra dedicada a Carballo, e estou moi contento pola boa recepción que tivo”, declarou. “Foi unha experiencia marabillosa que levo gardada no corazón para toda a vida”.
Javier Bardanca agradeceu a adaptación que fixo Sergio Moure do terceiro movemento da sinfonía para a Banda Municipal de Música, “que espero que sexa un himno para Carballo e que quede aí para a historia. A verdade é que un orgullo para os carballeses poder presumir desta sinfonía, porque é unha obra de arte”.
O director da Orquestra Gaos agradeceu a oportunidade de interpretar esta gran obra sinfónica, e asegurou que “foi unha honra poder estrear esta obra, porque é unha obra que ten moito de emoción, e sobre todo ese terceiro movemento, coas cantareiras, a percusión. Foi un pracer”.
“Evidentemente Carballo ten un himno”, dixo Maruxa Suárez, que lembrou a emoción e os nervios da estrea, e amosouse “moi contenta de formar parte deste gran traballo, da gran implicación das agrupacións de cantareiras, e voulle pedir á banda que interpreten esta peza todos os anos no pregón”. A concelleira destacou a capacidade de Sergio Moure “de transmitir o noso” e animou a toda a veciñanza a escoitar a Sinfonía Bergantiños a través das plataformas dixitais e tamén do CD, que despois do acto de hoxe en Santiago tamén se presentará no mes de decembro en Carballo.
Daniel Pérez pechou o acto con agradecementos a todas as persoas que participaron e destacou que nestes “temos escuros” que nos toca vivir “fai falla ter unha ferramenta para emocionar, e penso que con esta sinfonía, Sergio, acadaches algo que ten moito valor para min, que é ser un percutor emocional, desde a túa experiencia, do que ti viviches de neno, pero creo que conectou con todos nós”. O alcalde expresou os sentimentos que esperta nel a obra de Sergio Moure e agradeceulle “que dotases a Carballo dun himno, porque xa é un himno, unha xoia musical e identitaria”.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.