Friday 07 de November de 2025

O BNG do Barbanza presenta emendas aos Orzamentos da Xunta por valor de 38,4 millóns de euros para atender as necesidades reais da comarca


O Bloque Nacionalista Galego do Barbanza compareceu hoxe ante os medios de comunicación para presentar as emendas que a organización nacionalista vén de rexistrar aos Orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2026. No acto participaron o responsable comarcal, Francisco Rei; a deputada do BNG no Parlamento galego, Rosana Pérez; os voceiros nacionalistas Luís Pérez e Raquel Suárez; e o concelleiro de Ribeira, Xabier Vidal.

En total, as emendas presentadas polo BNG ascenden a 38,4 millóns de euros, cun obxectivo claro: responder ás necesidades sociais e económicas da comarca e impulsar o seu desenvolvemento. Desde o Bloque lamentan que, unha vez máis, “a Xunta de Galicia do PP volva deixar atrás o Barbanza, ignorando as súas principais demandas e obviando que é unha das comarcas máis dinámicas económica e socialmente do país”.

Francisco Rei subliñou que as propostas do BNG buscan fortalecer o dinamismo económico da comarca e mellorar os servizos públicos, atendendo a reivindicacións históricas da veciñanza.

Aposta polo crecemento económico e industrial
Entre as emendas destinadas a impulsar a economía da comarca, destacan:

Aumento do chan industrial Pobra-Ribeira (polígono supramunicipal), cun investimento inicial de 3 millóns de euros para a primeira fase.

Implicación da Xunta no polígono industrial de Ribeira, cunha achega de 3 millóns de euros.

Nova depuradora para Boiro, cun orzamento de 12 millóns de euros, unha infraestrutura esencial para mellorar a calidade das augas da ría, motor económico da comarca, e para garantir un servizo adecuado á veciñanza.

Programa de rexeneración e recuperación das rías de Galiza, cunha partida de 50 millóns de euros para a primeira fase.

Programa galego “Invesrías”, con 20 millóns de euros para investigación sobre perda de produtividade e para afrontar os efectos do cambio climático.

Mellora das comunicacións e infraestruturas
O BNG propón actuacións clave para modernizar as comunicacións no Barbanza:

Humanización da estrada AC-305 na Pobra, Boiro e Rianxo, cun investimento de 3 millóns de euros na primeira fase.

Estudo para a implantación dunha conexión ferroviaria no Barbanza, cunha dotación de 500.000 euros.

Remodelación da fachada marítima de Rianxo, con 1,5 millóns de euros, para favorecer o tránsito peonil e reorganizar as zonas de aparcadoiro.

Reforma integral da estación de autobuses da Pobra do Caramiñal, con 300.000 euros.

Atención ás demandas sociais: Sanidade, Educación, Depedencia e Vivenda
O BNG tamén pon o foco nas políticas sociais e nos servizos públicos, cun conxunto de emendas que suman varios millóns de euros:

Dotación de persoal e melloras nos centros de saúde de toda a comarca, cun investimento total de 2 millóns de euros.

Ampliación da área de hospitalización do Hospital do Barbanza, con 1 millón de euros.

Congratulámonos de que a Xunta acepte a demanda de dotar a comarca dunha ambulancia medicalizada, unha reivindicación histórica do BNG e da veciñanza, impulsada tamén por unha iniciativa popular con recollida de sinaturas en Boiro.

Melloras en distintos centros de ensino da comarca, cun investimento global de máis de 5 millóns de euros entre os que están o colexio O Grupo, colexio de Olveira e IES Nº1 de Ribeira, finalización das obra do colexio Castelao de Rianxo, a construción de dúas escolas infantís “Galiña Azul” en Ribeira e na Pobra e a reparación do tellado da “Galiña Azul” de Boiro.

Residencia de maiores en Ribeira, cun investimento de 1 millón de euros, xa que o anuncio feito pola conselleira de Política Social non se recolle nos Orzamentos.

Centro de día de Rianxo, cunha partida de 700.000 euros.

Residencia de maiores de Boiro, con 2,5 millóns de euros.

Construción de vivenda protexida para alugueiro en Ribeira, cun orzamento de 1 millón de euros.

Recuperación do bordo litoral da Ribeiriña, incluíndo a compra da antiga nave de Hadasa, con 1,2 millóns de euros.

Rosana Pérez destacou que estas propostas “non son só números, senón compromisos concretos co futuro do Barbanza, coa súa xente e co seu tecido produtivo”. Engadiu que o BNG “segue demostrando que é a forza que defende con feitos o que outros prometen e nunca cumpren”. A deputada lamentou que “un ano máis, os Orzamentos da Xunta ignoran por completo as necesidades reais das veciñas e veciños do Barbanza”. Segundo explicou, “o Partido Popular volve demostrar que non ten ningún proxecto para esta comarca, que vive de costas ás súas demandas e que é incapaz de recoñecer o seu peso económico e social dentro do país”. Pérez subliñou que “desde o BNG traballamos en positivo, presentando propostas concretas e viables, pensadas para mellorar a calidade de vida da poboación, reforzar os servizos públicos e impulsar o noso tecido produtivo”. Engadiu que “as nosas emendas responden ao que a xente pide día a día: mellores infraestruturas, servizos sanitarios dignos, máis investimento en educación e un compromiso real coa recuperación ambiental e industrial da comarca”.

O responsable comarcal do BNG, Francisco Rei, afirmou que “estes Orzamentos volven esquecer o Barbanza e deixan claro que o PP non entende nin atende as prioridades deste territorio”. Sinalou que “mentres a Xunta continúa mirando cara outro lado, o BNG traballa con propostas serias e responsables que poñen no centro as persoas e o futuro da comarca”. Rei destacou que “cada unha das emendas presentadas ten como finalidade reforzar o ámbito económico, social e ambiental, para que o Barbanza siga medrando e poida ofrecer oportunidades de vida e emprego á súa xente”. Concluíu asegurando que “o noso compromiso é claro: queremos un Barbanza con servizos públicos fortes, con infraestruturas modernas e cun desenvolvemento sostido que non deixe a ninguén atrás”.

Deja un comentario