Friday 07 de November de 2025

O Pleno de Lousame aproba por unanimidade actualizar en 40 euros a taxa do lixo de 2026


A actualización permitirá cubrir o déficit nas cotas que se arrastra dende 2023 coa Mancomunidade Serra do Barbanza, toda vez que as de 2024 foron recorridas xudicialmente polo Concello de Lousame

O Concello de Lousame celebrou na noite de onte xoves un pleno extraordinario e urxente para aprobar unha actualización da taxa de residuos por prestación do servizo de recollida, transporte e tratamento de residuos sólidos urbanos municipais. Unha aprobación que se realiza un día despois da celebración da Asemblea da Mancomunidade Serra do Barbanza, na que se aprobaron os orzamentos de 2025, e coa intención de que poida entrar en vigor o 1 de xaneiro de 2026.

O alcalde de Lousame, Esteban Ares García, explicou que “arrastramos un déficit sobre a liquidación anterior de 2023, que foi de 164.000 euros, e o recadado pola taxa do lixo non chegaba a cubrir esta cantidade”. Así mesmo, lembrou que o Concello de Lousame ten recorridas xudicialmente as cotas de 2024 aplicadas pola Mancomunidade Serra do Barbanza, ao considerar que están baseadas en criterios non recollidos nos estatutos da entidade, e que o propio Esteban Ares votou en contra das novas cotas de 2025 na xunta directiva da Mancomunidade celebrada o 28 de outubro, xa que non se acreditou a procedencia do incremento dos gastos imputados ao servizo.

Porén, Ares García sinalou que “non é agradable para alguén que asumiu a alcaldía hai un mes ter que aprobar esta medida, pero a lei é a lei e temos que paliar esa parte que non se cubre coas cotas de 2023 para que o custe do servizo poida ser cuberto coas taxas”. Unha decisión que foi respaldada por todos os grupos municipais. Na práctica, isto suporá unha actualización de 40 euros por vivenda no ano 2026, que se traducirá en 20 euros máis en cada un dos dous recibos nos que esta dividido esta taxa.

Así mesmo, o alcalde de Lousame adiantou que “estamos traballando nos Orzamentos de 2026 e a nosa intención é traelos a Pleno en breve para que poidan entrar en vigor ao longo do mes de xaneiro”.

Deja un comentario