A iniciativa enmárcase na programación municipal en torno ao 25N.
O Concello puxo en marcha unha nova iniciativa dentro da programación municipal en torno ao 25 de novembro, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero. Trátase da instalación de puntos de lectura específicos nas bibliotecas municipais da Laracha, Paiosaco e Caión, destinados a promover a igualdade e contribuír á prevención da violencia de xénero.
Durante todo o mes de novembro estes espazos contarán cunha selección de títulos dirixidos a público infantil, xuvenil e adulto, que estarán expostos e dispoñibles para préstamo. As obras foron elixidas pola súa capacidade para fomentar a reflexión, o respecto e a convivencia en igualdade, empregando a lectura como ferramenta de sensibilización e cambio social.
Como complemento, o Concello elaborou tamén unha infografía con recomendacións de libros que está accesible a través da web municipal. Deste xeito achéganse á cidadanía recursos literarios que axuden a comprender e combater as distintas formas de violencia machista.
Esta iniciativa foi coordinada pola técnica de igualdade do Concello da Laracha e o Centro de Información ás Mulleres (CIM).



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.