Repartíronse un total de 480 euros en formato de vales de compra
A segunda edición do Concurso de Relatos Breves Ecos da Mente, promovido pola Asociación A Creba coa colaboración do Concello de Ribeira, xa ten gañadores.
Este certame busca concienciar sobre a importancia da saúde mental e, nesta convocatoria, a temática a seguir foi sobre a repercusión da dixitalización na mesma: como afectan ao benestar emocional as redes sociais, o uso da Intelixencia Artificial, os xogos en liña ou as consecuencias do tempo dedicado a Internet, entre outras variantes.
O xurado estivo composto por Alicia Padín, Bernardino González e Eduardo Estévez, quen destacaron a calidade dos traballos presentados.
Sergio Martínez alzouse co galardón na categoría adulta con Que razón tiñas, avoa!; Natalia Lema fixo o propio con Epístola a nosa nai, na xuvenil; Valeria Ayaso e Eu son Naia, na adolescente; e Sonia García con Waordurwig e o mundo que o rodea, na diversa.
Deste xeito, repártense un total de 480 euros es premios (unha única recompensa de 120 euros por modalidade) en formato de vales de compra para trocar nunha librería do municipio. Na entrega das distincións participaron representantes municipais.
A concelleira de Promoción Económica, Carmen Pérez, pon en valor este tipo de iniciativas que “coas recompensas tamén buscan ter un impacto no tecido comercial local, nesta ocasión, nunha librería para que os premiados sigan atopando en novos libros a inspiración e a motivación para seguir escribindo e, a través da palabra, seguir derrubando prexuízos e tabús.”
Tamén se pronuncia o edil de Sanidade, Vicente Mariño, para quen este certame “involucra a toda a sociedade na concienciación sobre as doenzas mentais e visibiliza tamén o traballo dunha entidade centrada na atención psicosocial de persoas con problemas de saúde mental e o apoio ás súas familias, polo que quixera destacar o seu labor.”
En liñas similares tamén fala o concelleiro de Relacións Institucionais, Ramón Doval, quen reafirma o compromiso do Concello de Ribeira con este tipo de propostas que “máis alá de cinguirse a unha colaboración entre unha administración pública e unha asociación, pretende involucrar a toda a cidadanía e, ademais, a repercusión económica deste certame quedará tamén no noso municipio ao ter como premios os vales de compra. En definitiva, varios axentes da sociedade implicados nunha causa común de gran importancia como é a saúde mental.”




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.