A alcaldesa, Goretti Sanmartín, presentou esta mañá a nova campaña municipal con motivo do 25N, que co lema ‘Non é un trend, é violencia dixital’ busca facer visible condutas que se adoitan trivializar e normalizar no ámbito das redes sociais e combater o negacionismo da violencia machista, especialmente entre a mocidade.
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, presentou este venres a campaña do Concello de Santiago polo 25N, Día internacional pola eliminación da violencia contra as mulleres, que este ano pon o foco na violencia no eido dixital e se dirixe de forma especial á xente moza. Baixo o lema ‘Non é un trend, é violencia dixital’, busca que a xuventude compostelá poida identificar e denunciar condutas violentas en liña, así como que a poboación adulta entenda estas novas expresións machistas.
Na presentación, Goretti Sanmartín estivo acompañada pola directora de área de Políticas Sociocomunitarias, Clara Ortega, e pola xefa de Servizo da Área de Acción Social, Teresa Furelos.
“O que queremos é combater a trivialización e a frivolización no ámbito das redes”, explicou Sanmartín, e referiuse a “como determinados comentarios e condutas que veñen perpetuar o desprezo e o control ás mulleres parecen que se consenten e que non teñen maior importancia, moitas veces disfrazados de humor”.
Nese sentido, a alcaldesa, quen ostenta directamente as competencias municipais de igualdade, destacou que a campaña, que non se trata dun machismo novo, senón de que o machismo se adapta. “Vai collendo outras linguaxes e tecnoloxías e isto fai que se poida reproducir nas xeracións máis novas”, reflexionou e amosou a súa preocupación pola auxe de “grupos que negan a violencia de xénero”.
A este respecto, a rexedora alertou de que “as redes sociais acaban reproducindo e mesmo amplificando as desigualdades de xénero” con “patróns de humillación, insulto e control” dos que cómpre estar alerta que lembrou que o 68% das mulleres galegas sufriron algún tipo de violencia dixital.
A campaña do 25N do Concello de Santiago aposta por unha mensaxe clara e directa para sensibilizar e concienciar a toda a cidadanía sobre a necesidade de erradicar as violencias machistas, centrando nesta edición a súa mensaxe na violencia dixital. Para iso, busca facer visible aquilo que a miúdo se banaliza ou normaliza no ámbito das redes: comentarios, imaxes ou condutas que perpetúan o control, a humillación e o desprezo cara ás mulleres. O obxectivo é claro: poñer nome ao que moitas veces se disfraza de humor, reto viral ou piropo, e lembrar que detrás dunha pantalla tamén pode haber violencia.
Falamos así de espazos machistas novos, lugares virtuais e dinámicas de interacción onde se reproducen e amplifican as desigualdades de xénero a través da tecnoloxía. Son espazos que non existían hai unha década e que hoxe forman parte da vida cotiá da mocidade: redes sociais, aplicacións de mensaxería, videoxogos en liña ou foros anónimos.
Novas formas de violencia e control
No ámbito dixital xorden novas formas de violencia e control, como a difusión de imaxes íntimas sen consentimento (sexpreading), o acoso reiterado (stalkeo), a humillación pública (sexhumillación), ou o uso de expresións aparentemente inofensivas pero cargadas de misoxinia, como “4 letras” ou “muller do km 0”, amplamente usadas entre a mocidade pero descoñecidas por boa parte da poboación adulta. Por iso falamos de novos espazos machistas: non porque o machismo sexa novo, senón porque se adapta aos códigos, linguaxes e tecnoloxías das xeracións máis novas.
A alcaldesa lembrou que os datos son elocuentes, e que segundo o informe Generación expuesta: jóvenes frente a la violencia sexual digital, o 60,6% da mocidade recoñece ter sufrido algún tipo de violencia sexual dixital, sendo as mulleres as principais vítimas. Entre elas, o 28,7% recibiu contido sexual non solicitado e o 23,6% padeceu tres ou máis formas distintas de violencia dixital, fronte ao 14,2% dos homes. As agresións prodúcense maioritariamente en redes sociais (39,7%) e en aplicacións de mensaxería (34,9%), e en moitos casos o agresor é unha persoa coñecida.
A campaña pon o foco na mocidade porque é o grupo máis exposto a este tipo de violencia, pero está dirixida a toda a cidadanía. Segundo o estudo ‘Autopercepción de la imagen de las mujeres en los nuevos entornos digitales’ (Instituto de las Mujeres, Ministerio de Igualdad, 2025), o 97% das mulleres de entre 18 e 30 anos en España utilizan redes sociais; e o informe “Des-protegidos online: jóvenes ante la violencia y la desinformación en internet” (Plan International, 2024) sinala que o 68% das adolescentes e mozas galegas sufriron algún tipo de violencia dixital.
No ámbito local, os datos do Centro de Información ás Mulleres (CIM) amosan a necesidade de reforzar o traballo con poboación moza: neste ano 2025, o servizo atendeu 186 usuarias (ata o 30 de setembro), das cales 101 son novas e 85 están en seguimento. A franxa maioritaria sitúase entre os 26 e os 45 anos, mentres que só o 0,45 % corresponde a mozas de 17-18 anos e o 10,91 % a mulleres de 19-25 anos. Na última Mesa de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero, celebrada o 21 de outubro, acordouse intensificar a difusión dos recursos municipais entre menores de 25 anos, pois os datos evidencian que ese segmento segue sendo un dos menos alcanzado polas accións de prevención e atención.
Para reverter esta tendencia, a alcaldesa avanzou que nos próximos meses se realizará un traballo intenso para dar a coñecer á poboación moza os recursos dos que dispoñen no CIM.
Acción centradas nas redes sociais
A alcaldesa compostelá sinalou que esta campaña se desenvolverá principalmente nas redes sociais, mais tamén terá apoio de material físico, como carteis e publicidade na rúa e nos autobuses urbanos.
As persoas ou entidades que desexen obter material da campaña para contribuíar á súa difusión, poden facelo dende o 10 ata o 24 de novembro (ou ata esgotar unidades). Para isto, poden acudir ao CIM en horario de 8:30 a 14:30 horas; ou ben, á Casa Xohana Torres nas seguintes datas e horarios: do luns 10 ao venres 14, de 9.45 a 13.00 horas; luns 17, mércores 19, venres 21 e luns 24 de 9.45 a 13.00 horas; e o martes 18 de 16.00 a 19:30 horas.
Campaña para todas as idades
Os datos evidencian a necesidade de actuar con especial intensidade sobre o público mozo, pero tamén de explicar ás xeracións maiores que a linguaxe dixital pode ser un espazo onde se reproducen formas de machismo que ás veces pasan desapercibidas. Por iso, a campaña apela a todas as idades: busca que a mocidade identifique e denuncie condutas machistas en liña, e que a cidadanía adulta comprenda estas novas formas de violencia e o impacto real que teñen nas vítimas. A súa difusión realizarase en distintas canles e con contidos adaptados a cada medio para chegar a públicos diversos e fomentar unha reflexión conxunta sobre a violencia de xénero no ámbito dixital.
Con esta campaña, o Concello de Santiago reafirma o seu compromiso coa igualdade e coa loita contra todas as formas de violencia machista, tamén nas súas manifestacións máis novas. O 25 de novembro é unha chamada colectiva á responsabilidade: educar, respectar e actuar fronte a calquera forma de violencia contra as mulleres, dentro e fóra das pantallas.
Segundo o informe ‘Generación expuesta: jóvenes frente a la violencia sexual digital’ (Centro Reina Sofía de FAD Juventud, 2024), defínese a violencia sexual dixital como “un conxunto de accións de carácter sexualmente agresivo que se perpetran, reproducen e comparten grazas ás tecnoloxías de comunicación dixital”. As redes son hoxe un espazo central de socialización, especialmente entre a mocidade, e nelas reprodúcense os mesmos patróns de control, insulto e humillación que fóra da pantalla.
A campaña do Concello do 25N desenvolverase ao longo das próximas catro semanas. O día 25 de novembro terá lugar un acto coa lectura da declaración institucional que a Corporación Municipal aprobou por unanimidade no último pleno, pola eliminación da violencia machista. A alcaldesa recordou que Concello apoia e anima a participar nas mobilizacións do movemento feminista no 25-N.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.