A representación da Escola de Danza Oitos (Noia) é de entrada gratuíta, previa reserva da butaca en https://forms.gle/FrK9uS3uHBpaRunG9
O presidente da Ría da Estrela, Luís Oujo, e o presidente do Consiglio Regionale del Veneto e da Asociación Vía Querinissima, Roberto Ciambetti, á fronte dunha ampla delegación de Italia, Noruega e Suecia desprazada para a ocasión
O Coliseo Noela (Noia) acollerá este luns 10 de novembro, ás 19:30 horas, a premier do espectáculo de danza “Expedición Querina”. Unha representación da Escola de Danza Oitos que recolle a epopea histórica do navegante veneciano Pietro Queirini no século XV e que deu lugar ao nacemento da Vía Querinissima, que agora busca o seu recoñecemento como Itinerario Cultural Europeo por parte do Consello de Europa.
Unha actuación que inclúe unha espectacular posta en escena dirixida por Verónica Martínez, con Antía Queiruga como bailarina principal e protagonizada por ata 25 bailarinas da Escola de Danza Oitos e con música composta por Sara Martínez, acompañada das artes visuais de Suso Xogaina. A asistencia é gratuíta e está aberta ao público en xeral, que deberá formalizar a súa entrada a través deste formulario https://forms.gle/FrK9uS3uHBpaRunG9.
“Expedición Querina” é unha iniciativa promovida dende o Xeodestino Ría de Muros Noia e a Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia, na parte galega, e a Asociación Internacional Vía Querinissima e o Consello Rexional do Véneto, na parte internacional. Conta coa colaboración do GALP Costa Sostible, da Consellería do Mar, da Unión Europea e do Concello de Noia. Trátase dunha obra inspirada na viaxe de Pietro Querini, quen deixou documentada unha peregrinación a Compostela que coincide ao 100% co traxecto actual do Camiño de Santiago da Ría de Muros Noia e que forma tamén parte da Vía Querinissima.
“Expedición Querina” é un espectáculo de danza, música e imaxe co mar como protagonista, Querini como guía e Compostela como destino. Consta dunha apertura e tres partes perfectamente diferenciadas, dende a súa partida de Creta o 25 de abril de 1431 na nave “Querina” cunha tripulación de 68 mariñeiros, ata a súa Chegada a Compostela, pasando por lugares como o santuario da Virxe do Camiño en Muros ou o tempo de San Martiño de Noia. Unha posta en escena espectacular con 26 bailarinas sobre o escenario e ata dez cambios de vestiario cuxa presentación xa colleitara un gran éxito en Bodo (Noruega), como o seu primeiro evento como Capital Europea da Cultura 2024.
Promoción da Vía Querinissima
Á representación asistirán o presidente da Ría da Estrela e da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia, Luís Oujo, e presidente do Consello Rexional do Véneto e da Asociación Vía Querinissima, Roberto Ciambetti, á fronte dunha importante delegación internacional procedente das rexións do Véneto (Italia), Norland (Noruega) e Vastra Gotland (Suecia).
A delegación da Rexión do Véneto (Italia) está composta por Roberto Grande, jefe de Gabinete do presidente Roberto Ciambetti; Roberto Valente, secretario xeral do Consello Rexional do Véneto; Fausta Bressani e Stefano Sisto, directores dos departamentos de Cultura e de Turismo; Mara Tognon, manager de proxectos europeos e Nicoletta Martorana, directora da Asociación Vía Querinissima. A delegación da rexión de Norland (Noruega) está integrada por Arne Ivar Mikalsen, conselleiro de Cultura e vicepresidente da Asociación Vía Querinissima; e Stefano Agnoleto, presidente do Comité Científica da Asociación. Finalmente, Daniel Anderson, deputado e membro do comité de Cultura, encabezará a delegación da rexión de Vastra Gotland (Suecia).
Via Querinissima
A Asociación Cultural Internacional Vía Querinissima fundouse para promover e enriquecer o itinerario cultural inspirado na viaxe de Pietro Querini, unha das primeiras peregrinacións documentadas polo Camiño da Ría de Muros Noia. A súa misión é fomentar o diálogo intercultural reconectando o Norte e o Sur de Europa a través da historia, as paisaxes e as tradicións.
O proxecto conta como impulsores principais coas rexións do Véneto, Nordland e Vastra Goltland, ademais da Asociación de Concellos da Ría de Muros Noia e numerosos apoios internacionais de institucións culturais, universidades e asociacións de Italia, Noruega, Suecia, Suíza, Grecia, España, Cidade do Vaticano, Portugal, Austria e Reino Unido.
Vía Querinissima inspírase nos fondos valores que xurdiron da viaxe de Pietro Querini: o diálogo cultural, o intercambio, a hospitalidade, a memoria compartida, a solidariedade e a cooperación entre os pobos. A ruta baséase no diario de Pietro Querini, quen en 1431 emprendeu unha viaxe de Creta a Flandes que acabaría converténdose nunha das odiseas marítimas máis emblemáticas do século XV, pasando por Cádiz, Canarias, Lisboa, Muros e Fisterra. Tras múltiples desventuras, como avarías, desvíos forzosos e tormentas, acabaría finalmente nas illas Lofoten, onde descubriría o bacallau seco, que acabaría tendo un enorme impacto no comercio europeo da época.
A ruta marítima e terrestre atravesa Creta, as cosas de España e Portugal, e logo se estende por Noruega, Suecia, Inglaterra, Alemaña, Suíza e Austria ata chegar a Venecia. O tramo galego da Vía Querinissima está integrado polo camiño de peregrinación de Muros a Santiago de Compostela, que Querini deixou perfectamente documentado.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.