Friday 07 de November de 2025

O Concello e a Deputación asinan un convenio para a xestión e mellora da Casa de Acollida para mulleres vítimas da violencia machista


Inés Rey agradeceu ao ente provincial, a súa colaboración e incidiu na importancia de “ir da man para erradicar esta lacra”

O Concello e a Deputación da Coruña asinaron esta mañá un novo convenio de colaboración para o financiamento da casa de acollida e de dous pisos de inclusión e transición á vida autónoma para mulleres vítimas de violencia de xénero na cidade. A alcaldesa, Inés Rey, e o presidente provincial, Valentín González Formoso, foron os encargados de asinar o acordo, que supón unha achega provincial de 121.000 euros, un 24% do orzamento para estes equipamentos municipais. O Concello aporta cerca de 350.000 euros.
“Este acordo axúdanos a prestar un servizo esencial no que todas as administracións debemos ir da man para erradicar dunha vez por todas una das grandes lacras da sociedade”, sinalou Inés Rey tras a firma. Este acordo suporá unha mellor xestión destes equipamentos, que na cidade da Coruña ofrecen 26 prazas. “A rede provincial de casas de acollida desempeña un papel fundamental na atención a un colectivo especialmente vulnerable. Son espazos que ofrecen protección, acompañamento e novas oportunidades a mulleres que atravesan momentos moi difíciles das súas vidas”, afirmou pola súa banda o presidente da Deputación.

A casa de acollida da Coruña e os dous pisos pertencen á Rede Galega de Acollemento e constitúen un recurso de estadía temporal, atención e recuperación para as mulleres vítimas da violencia de xénero, así como para os e as menores ao seu cargo. O espazo permite a estas persoas, en situación vulnerable, recibir apoio, información e asesoramento en materia social, xurídica e psicolóxica, así como apoio para a súa reinserción laboral.

“Nun momento como o actual é necesaria manter a posición común da cidade contra esa eiva, de continuar deixando fóra do noso consenso básico o negacionismo, de manter liñas hixiénicas fronte ao machismo organizado”, sinalou Inés Rey, recordando os oito minutos de silencio gardados no último pleno municipal, esta mesma semana, en recordo das oitos mulleres asasinadas en España no último mes.

Deja un comentario