— A conselleira pon en valor que a comunidade chega con varios anos de antelación ao obxectivo de valorizar todos refugallos do sector, fixado para o ano 2030
— A Xunta vincula estes bos resultados coa extensa rede de plantas de tratamento existente no territorio, que permite xestionar máis dun millón de toneladas anuais e ter unha capacidade técnica instalada que supera os 4,8 millóns de toneladas
— O Executivo galego destaca que o éxito radica na existencia de xestores altamente profesionalizados, a innovación tecnolóxica nas instalacións de tratamento e unha planificación autonómica baseada na prevención e recuperación fronte á eliminación
— A titular de Medio Ambiente e Cambio Climático eloxia o valor estratéxico que cobra o eido educativo e centros como o CIFP Someso como punto de encontro entre a formación, a innovación e a sostibilidade para avanzar na economía circular
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou hoxe o Centro Integral de Formación Profesional (CIFP) Someso da Coruña no que destacou a excelencia de Galicia e a súa posición de vangarda a nivel europeo na valorización dos residuos procedentes do sector da construción e demolición pois encadea varios exercicios con taxas de reciclaxe do 100%.
A responsable autonómica, que estivo acompañada polas directoras xerais de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría, e de Formación Profesional, Eugenia Pérez, puxo en valor que a comunidade é un dos poucos territorios europeos que superan as exixencias comunitarias neste eido e lidera o avance cara a economía circular na construción. De feito, esta valorización plena -acadada xa en 2022- supón cumprir co Plan de Residuos Industriais de Galicia (Priga) e chegar con varios anos de antelación ao obxectivo da Lei de residuos e solos contaminados de valorizar o 100% dos refugallos da construción no horizonte do ano 2030.
Ángeles Vázquez subliñou que estes bos resultados se dan porque Galicia conta cunha rede consolidada de plantas de tratamento que permite xestionar máis dun millón de toneladas anuais de residuos de construción e demolición (RCD), cunha capacidade técnica instalada que supera os 4,8 millóns de toneladas anuais.
O éxito radica, engadiu, na combinación de distintos factores como a existencia de xestores altamente profesionalizados, a innovación tecnolóxica nas instalacións de tratamento e unha planificación autonómica que dá prioridade á prevención e recuperación fronte á eliminación. Trátase dunha situación que garante a posibilidade real de valorización total dos fluxos actuais de refugallos sempre que se manteña o ritmo de implantación e se promova a demanda de materiais reciclados.
Eido educativo
A maiores, a conselleira eloxiou o valor estratéxico que cobra o eido educativo, como o CIFP Someso, pois serve de punto de encontro entre a formación, a innovación e a sostibilidade, eidos fundamentais para consolidar o modelo galego de economía circular.
De feito, este centro educativo coruñés -centro de excelencia de FP no sector da construción e a sostibilidade enerxética- leva máis de dúas décadas impulsando a bioconstrución, a eficiencia enerxética e a sostibilidade aplicada ao sector da construción. Deste xeito contribúe á formación de profesionais que aplicarán na práctica os principios de reutilización e eficiencia que colocan a Galicia como referente nacional na valorización dos residuos da construción.
Nesta liña, a valorización deses materiais -que supoñen o 43% do total de residuos industriais da comunidade- contribúe a crear emprego verde, a reducir a pegada ecolóxica e a dinamizar o territorio pois permite substituír materias primas naturais, reducir emisións e xerar actividade económica.
Os produtos resultantes do tratamento deses refugallos teñen como destino a base de estradas, a realización de recheos ou obras de restauración, a elaboración de prefabricados e formigóns non estruturais así como a fabricación de elementos de xardinería ou mobiliario urbano.
Ese labor ten beneficios ambientais e económicos como a redución de ata un 50% das emisións de dióxido de carbono fronte ao uso de materias primas naturais, o aforro de recursos minerais e a redución de vertedoiros ou a aposta pola contratación pública verde, integrando materiais reciclados nas obras financiadas pola Administración.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.