Friday 07 de November de 2025

A Xunta realiza labores de conservación fluvial en máis de 9,7 quilómetros no río Mero, no concellod e Cambre


As tarefas que realiza Augas de Galicia prolongaranse durante arredor de tres semanas e inclúen a retirada de árbores caídas das canles fluviais para evitar atoamentos

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e mantemento fluvial en máis de 9,7 quilómetros no río Mero, no concello de Cambre.

En concreto, as tarefas, que xa foron comunicadas ao concello e que se prolongarán durante arredor de tres semanas, desenvolveranse en varios tramos do río Santa Lucía, ao seu paso polas parroquias de San Xoán de Anceis, Santa María de Cambre, Santiago de Sigrás, San Paio de Brexo, San Xulián de Cela, San Cibrán de Bribes e San Salvador de Cecebre.

Os traballos consisten na retirada de árbores caídas presente na canle fluvial para evitar atoamentos e realizaranse coa aplicación de motoserras, rozadoiras e outras ferramentas manuais. Ademais, o persoal contará co apoio de maquinaria de maiores dimensións como un tractor.

Unha vez finalizadas as obras programadas polo organismo hidráulico dependente do Executivo galego, estes tramos fluviais quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas zonas de acceso e protección.

O fin último dos traballos é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.

Deja un comentario