Friday 07 de November de 2025

Á venda desde hoxe as entradas para o concerto de Álex Ubago na xira do 25 aniversario de “¿Qué pides tú?”


O artista actuará na Coruña o 25 de abril de 2026 dentro da súa xira internacional

O Coliseum da Coruña será unha das paradas da xira internacional coa que Álex Ubago celebra o 25 aniversario do seu primeiro disco, ¿Qué pides tú?, un álbum que marcou un fito no panorama musical e que consolidou ao artista como unha das grandes voces do pop melódico en español.

O concerto terá lugar o 25 de abril de 2026 e as entradas están dispoñibles desde hoxe, a través da páxina web oficial do artista e da plataforma de El Corte Inglés.

Durante o espectáculo, Ubago interpretará os temas do seu álbum debut, con cancións tan recoñecidas como A gritos de esperanza, Sin miedo a nada, Sabes ou ¿Qué pides tú?, que se converteron en himnos de toda unha xeración. O repertorio incluirá tamén outros grandes éxitos da súa carreira musical.

O evento forma parte da programación do Coliseum para os vindeiros meses e enmárcase na aposta municipal por ofrecer propostas culturais de calidade e para todos os públicos.
Unha estratexia que, nos últimos anos, vén sendo impulsada polo Goberno de Inés Rey e que está a contribuír a consolidar A Coruña como un referente no ámbito musical e escénico.

O concelleiro de Cultura, Gonzalo Castro, destacou que Álex Ubago é un artista moi querido, cun repertorio que conecta con distintas xeracións, e que a súa visita ao Coliseum será, sen dúbida, unha das citas máis emotivas da tempada musical coruñesa.

Deja un comentario