Friday 07 de November de 2025

O Concello inicia as obras de construción da nova beirarrúa entre o núcleo poboacional de Feáns e o cemiterio municipal


O Executivo municipal avanza coa folla de ruta do Plan de Barrios 2025-27, que inclúe a creación deste percorrido peonil co obxectivo de mellorar a accesibilidade e reforzar a seguridade viaria

A alcaldesa, Inés Rey, informou esta mañá da posta en marcha das obras de construción da nova beirarrúa que conectará o núcleo poboacional de Feáns coa contorna do cemiterio municipal, unha intervención que permitirá mellorar a accesibilidade e reforzar a seguridade viaria nesta parte da cidade.

A creación deste novo percorrido peonil forma parte dos compromisos asumidos polo Executivo local coa veciñanza de Feáns, a través do Plan de Barrios 2025-27. Rey lembrou que, a día de hoxe, “ao cemiterio municipal de Feáns pódese chegar en autobús urbano ou vehículo particular, mais, a día de hoxe, ir camiñando desde a saída do núcleo de Feáns en dirección ao cemiterio só é posible facéndoo polo arcén”.

Agora, ademais de gañarse espazos peonís, tamén se reforzará a seguridade viaria, delimitando un trazado específico para as persoas viandantes, aproveitando a marxe dereita da calzada en dirección ao cemiterio.

Rey indicou que o Concello inviste 721.000 euros nesta actuación, que conta cun prazo de execución de catro meses, a contabilizar desde esta mesma semana, cando o persoal da empresa adxudicataria, Construcciones Cernadas, arrincou as primeiras actuacións de demolición e picado do firme.

A alcaldesa lembrou que, no contexto dos traballos, é posible que se rexistren cortes parciais do carril lindeiro á superficie onde se executen as obras. “Para evitar incidencias de tráfico e mobilidade é fundamental seguir as indicacións do persoal de obra en todo momento, e, sobre todo, respectar a sinalización e límites de velocidade visibles ao longo da calzada”, indicou a rexedora.

Deja un comentario