Unha mestra ou mestre composteiro é unha persoa con coñecementos especializados que pode xestionar, manter e supervisar proxectos de compostaxe a nivel doméstico, comunitario ou profesional. As súas funcións inclúen controlar o proceso, resolverlle dúbidas ás usuarias e usuarios, impartir obradoiros e elaborar informes para garantir que os residuos orgánicos se transformen correctamente en materia fertilizante (o compost). A mestría en compostaxe é unha profesión con grandes perspectivas de emprego en asociacións e empresas relacionadas co ambiente, ante a aposta que están facendo pola compostaxe moitas administracións públicas comprometidas coa economía circular e a xestión sostible dos residuos, como é o caso de San Sadurniño. O colectivo Amigas da Terra vai iniciar nuns días un curso gratuíto de mestría en compostaxe, que ten como finalidade formar persoas expertas neste ámbito. Desenvolverase con sesións presenciais e en liña entre o 17 e o 27 de novembro. Só hai dispoñibles 15 prazas -preferentemente para mocidade e persoas en situación de vulnerabilidade- que se poderán solicitar até as 14:00h do martes 11 de novembro a través deste formulario.
O curso consta de oito módulos formativos e dúas xornadas de visitas a proxectos de compostaxe, nas que o alumnado poderá coñecer de primeira man experiencias de xestión descentralizada e boas prácticas no tratamento de residuos orgánicos.
O programa abordará o ciclo completo da fracción orgánica dos residuos desde a súa recollida en orixe ata a súa xestión mediante compostaxe doméstica e comunitaria, ademais de centrarse nas aplicacións do produto final como fertilizante. Ademais veranse outros aspectos como a xestión dos residuos en función dos territorios, “poñéndoa en relación co contexto de emerxencia climática e coa lexislación que lle aplica, sen obviar a educación ambiental, os riscos laborais e a mención a outras formas de compostaxe descentralizada”, comentan desde Amigas da Terra.
Arredor da xestión do compost poden xurdir proxectos de rexeneración de espazos degradados ou a creación de hortas colectivas ou de zonas verdes, sen contar con que cada vez haberá máis demanda laboral de perfís especializados para supervisar os procesos de compostaxe doméstica e comunitaria. Neste sentido, a asociación pretende que estes cursos -o de San Sadurniño é o último que ofrecerá este ano- favorezan o traballo colaborativo e a creación de pequenas iniciativas locais que dean continuidade á aprendizaxe e impulsen novas oportunidades de emprego verde.
O curso, dirixido a un máximo de 15 mozas e mozos, prioriza a participación de persoas en situación de risco de exclusión social, ofrecendo capacitación para desenvolver o perfil profesional básico de mestre/a composteiro/a. A actividade desenvolverase entre o 17 e o 27 de novembro de luns a venres en horario de 10:00h a 13:00h.
As sesións teóricas ofreceranse mediante videoconferencias ao vivo e unha plataforma en liña, aínda que se reservan as dúas últimas xornadas para visitas e prácticas de campo en San Sadurniño e/ou noutros puntos da comarca. Se algunha persoa non dispón de ordenador ou conexión a internet (imprescindible para seguir o curso), pode achegarse á Aula CeMIT para utilizar un dos seus equipos. Será necesario contactar uns días antes coa responsable da aula no 616 016 793 para ver a dispoñibilidade de ordenadores.
As inscricións están abertas até as 14:00h do día 11 de novembro a través deste formulario. Ofrecen máis información no 611 064 771.
Esta actividade, financiada pola Consellaría de Política Social, vai coincidir no tempo co arranque da campaña de información e implantación da compostaxe doméstica en San Sadurniño. Malia que ambas iniciativas tocarán o tema da compostaxe, en realidade son dous proxectos separados, xa que as accións informativas do Concello van dirixidas a toda a poboación -coa previsión de entregar cerca de 200 composteiros-, mentres que a formación de Amigas da Terra vai enfocada á capacitación para o emprego e é máis especializada. Tal é así que parte do persoal municipal tamén asistirá a este curso para adquirir os coñecementos necesarios que lle permitan atender despois as necesidades do plan de compostaxe municipal.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.