Friday 07 de November de 2025

O novo mercado municipal de Monte Alto entrará en servizo no mes de decembro


O voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, indicou no Pleno que as instalacións da escola infantil, tamén remodeladas, estarán listas na mesma data, mais o alumnado incorporarase no vindeiro curso para non obstaculizar o desenvolvemento e planificación da actividade actual

Conta atrás para a reapertura do mercado municipal de Monte Alto, que volverá á actividade no mes de decembro. A previsión é que os praceiras e praceiras estean incorporados ás novas instalacións na segunda quincena do mes. Así o anunciou hoxe no pleno o voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, na sesión plenaria en María Pita.

A rehabilitación do mercado é un dos proxectos máis importantes que está a acometer o Executivo local no barrio de Monte Alto. Cun investimento de algo máis de dez millóns de euros —cofinanciados con fondos PIREP—, o Concello afronta xa as últimas semanas de traballos nun edificio que contará con instalacións renovadas e adaptadas ás necesidades actuais das praceiras e praceiros.

Neste sentido, a previsión das autoridades municipais é que todas e todos eles estean de volta no novo mercado municipal na segunda quincena do mes que vén, cando se efectuaría o traslado desde o recinto que se habilitou de forma provisional na praza Indalecio Prieto.

O alumnado da escola infantil volverá á instalación o curso que vén

As obras do mercado aparellaron, ademais, a rehabilitación e ampliación das dependencias da escola infantil municipal de Monte Alto, traballos que tamén estarán rematados nas mesmas datas.

A este respecto, e atendendo a propia solicitude do equipo de profesionais da escola, as nenas e nenos —que actualmente fan uso das instalacións da EIM Luís Seoane no contexto das obras— volverán á EIM de Monte Alto no vindeiro curso. O obxectivo desta medida é non obstaculizar o desenvolvemento e planificación da actividade actual para coas crianzas, ademais de facilitar o traslado do persoal docente en tempo e forma.

Seis meses de traballos no recinto da empresa concesionaria do supermercado

En paralelo a esta última fase de traballos no edificio do mercado municipal, está previsto que a vindeira semana comecen as obras de adecuación que executará a empresa concesionaria do supermercado nos baixos inferiores que ocupará fronte á rúa Forcarei. A previsión é que esta intervención específica na futura superficie comercial dure seis meses.

Deja un comentario