O Concello destinará 15.000 euros en tarxetas rasca e gaña para dinamizar o sector durante o Nadal mediante descontos nas compras.
Co propósito de fortalecer e dinamizar o sector do comercio local incentivando as compras nos pequenos establecementos e servizos do termo municipal da Laracha durante o Nadal e nas datas previas ás festas, o Concello impulsa unha nova edición -que será a terceira- de Agasalla comercio local, ten premio.
Trala publicación das bases do programa no Boletín Oficial da Provincia (BOP), os establecementos comerciais, servizos ou negocios do termo municipal que desexen participar deben formalizar a súa adhesión na web www.nadal.alaracha.gal, tendo de prazo para facelo ata o 18 de novembro.
Do mesmo xeito que nas edicións anteriores, o sistema será mediante a entrega de tarxetas rasca e gaña aos clientes dos establecementos adheridos que poderán ter premios directos ou lles ofrecerán a posibilidade de participar no sorteo de regalos.
Neste ano a achega municipal increméntase nun 50 % e alcanzará os 15.000 euros. O Concello repartirá entre os establecementos e servizos profesionais adheridos un total de 15.000 tarxetas rasca e gaña, que deberán ser distribuídas entre os seus clientes por cada 10 euros de compra a partir do 5 de decembro. 1.500 desas tarxetas terán un premio directo de 10 euros para empregar en calquera dos establecementos e servizos adheridos en compras mínimas de 20 euros entre os días 5 de decembro e 5 de xaneiro. Os vales non son acumulables e non poderán cambiarse por cartos en efectivo. Tampouco poderán destinarse á compra de bebidas alcohólicas, tabacos ou derivados, produtos farmacolóxicos que requiran prescrición médica ou xogos de azar. Tamén se incluirán tarxetas premiadas directamente cos agasallos que acheguen voluntariamente os negocios participantes se así o desexan.
As tarxetas sen premios directos terán unha segunda oportunidade. Depositándoas cos datos persoais nas urnas que habilitará o Concello nas bibliotecas municipais da Laracha, Paiosaco e Caión, entrarán no sorteo de tres agasallos, consistentes en experiencias cultural (estancia dunha noite en Madrid e dúas entradas para asistir ao espectáculo El Rey León), turística (estancia de dúas noites para dúas persoas con acceso a spa no Augusta Eco Wellness Resort de Sanxenxo) e gastronómica (comida ou cea para dúas persoas).
O Concello impulsa esta terceira edición de Agasalla comercio local, ten premio co triplo obxectivo de sensibilizar á poboación sobre a importancia de facer as compras no comercio de proximidade como principal motor do desenvolvemento local e de creación de emprego no termo municipal, fidelizar á clientela a través dos vales que revertan no consumo dos propios establecementos adheridos e subvencionar as compras dos cidadáns durante o Nadal e nas datas previas ás festas para apoiar ás economías familiares.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.