• Os populares lembran que levan anos pedindo a listaxe de convenios e que o goberno municipal sempre respondeu: “Non consta”
• “Sabíano desde hai anos e calaron cando preguntamos. Ocultaron a verdade e tampouco actuaron”, denuncia a portavoz popular
O Grupo Municipal do Partido Popular de Culleredo esixe ao goberno de José Ramón Rioboo a convocatoria urxente dunha comisión extraordinaria de Presidencia e reafirma a súa disposición para impulsar e aprobar unha novo PXOM que dea saída definitiva aos convenios urbanísticos incumpridos e evite novas indemnizacións millonarias.
O PP denuncia a irresponsabilidade do alcalde e o seu equipo de goberno tras coñecerse hoxe unha nova reclamación xudicial de 18,4 millóns de euros polo convenio do paseo marítimo do Burgo, asinado a cambio da cesión de máis de 130.000 m² e pendente de cumprimento. “O goberno municipal, co alcalde á cabeza, volveunos a mentir. E aos veciños. Pasou co convenio de cesión de Villa Melania —cunha sentenza firme que condena ao Concello a pagar 1,4 millóns a unha promotora— e agora co paseo marítimo, con 18 millóns en xogo”, asegura a portavoz popular, Izaskun García.
O PP lembra que leva anos solicitando a listaxe de convenios urbanísticos pendentes, tanto por escrito, en 2023 e 2024, como de forma reiterada no pleno, e que a resposta oficial foi sempre: “Non consta”. Mesmo no pleno do pasado mes de outubro a concelleira de Facenda e Urbanismo, Marta Iglesias, volveu negar a súa existencia. “Sabían desde hai anos que estes convenios existían e calaron cando preguntamos. Ocultaron a verdade e tampouco actuaron”, afirma Izaskun García.
Estes casos, engade, súmanse a outras condenas xudiciais por convenios sen cumprir, como os do colexio Ría do Burgo (1,5 millóns de euros) e a ampliación da Casa do Concello (50.000 euros). “A noticia de hoxe é un baño de realidade para un alcalde que foxe do exercicio das súas responsabilidades”, di a portavoz do PP, quen lembra que Rioboo leva 8 anos de goberno sen resolver nada. “A única vía responsable é incorporar todos os convenios pendentes á novo PXOM, pero está parado desde a súa aprobación inicial en 2013 e seguimos aínda co plan de 1987”, advirte.
Por iso, o PP solicitou hoxe a celebración dunha comisión extraordinaria de Presidencia para que o goberno local entregue aos grupos da oposición a listaxe completa de convenios urbanísticos asinados polo Concello, coas superficies afectadas, o aproveitamento comprometido para a súa asignación na futuro PXOM e a relación de escritos, recursos e demandas presentados por propietarios ou herdeiros, incluída a última demanda polo paseo marítimo do Burgo. Ademais, reclama que Rioboo explique por que asegura que “non se debe abonar cantidade algunha” polos terreos do paseo e que, de facerse, sería “pouco máis de 500.000 euros”, cando a reclamación presentada ascende a 18,4 millóns.
Os populares reiteran o seu compromiso para desatascar o urbanismo de Culleredo, reactivando a tramitación da novo PXOM e incorporando nel todos os convenios pendentes “para poñer orde, recuperar a credibilidade e que o noso concello avance”. “Se Rioboo segue negando a realidade —indica Izaskun García—seguirán chegando condenas que pagaremos entre todos os veciños de Culleredo”.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.