Thursday 06 de November de 2025

O alumnado de 1º e 2º de primaria do CEIP Gándara-Sofán realizou a primeira visita escolar deste curso á casa do concello


Os alumnos e as alumnas de 1º e 2º de primaria do CEIP Gándara-Sofán realizaron a primeira visita deste curso á casa do concello. E chegaron cunha morea de preguntas preparadas para o alcalde.

Daniel Pérez tivo que explicarlles que ten 48 anos, que naceu en Silván, que a súa comida favorita é o churrasco, que antes de dedicarse á política era avogado ou que lle encantan os cans. Pero ademais do cuestionario persoal, os nenos e as nenas tamén o someteron a un interrogatorio político, porque querían saber como chegou á Alcaldía ou que sentiu o día que tomou posesión. E o alcalde contoulles que a súa vocación política venlle de mozo, para intentar mellorar a vida das persoas, e que na súa toma de posesión sentiu a partes iguais a gran responsabilidade que implica o cargo e a satisfacción de ser a persoa escollida polos seus compañeiros e compañeiras para liderar o proceso de transformación iniciado polo seu antecesor, Evencio Ferrero.

Daniel Pérez recibiu ao alumnado do CEIP Gándara-Sofán no salón de plenos acompañado pola concelleira de Cultura e Festas, Maruxa Suárez, que lles explicou que nese espazo é onde se toman as decisións importantes e que os convidou a coñecer outras dependencias da casa do concello.

A visita continuou, de feito, pola Oficina Técnica Municipal, o posto da Policía Local e as oficinas da Policía Nacional. E, como guinda, os nenos e nenas de Sofán visitaron a torre que alberga o reloxo da casa do concello, que sempre deixa marabillados aos nenos e nenas que nos visitan.

Agardamos que os escolares de Sofán desfrutasen da experiencia, e animamos ao resto dos coles a visitarnos, como xa o soen facer, ao longo do curso. As portas da casa do concello sempre están abertas para a rapazada e para toda a cidadanía.

Deja un comentario