Ademais, hoxe deuse luz verde a adhesión da rede de Museos Científicos Coruñeses á Asociación de Museos y Centros de Ciencia y Técnica de España
A Coruña non incrementará as súas taxas e tributos no vindeiro ano 2026. Así o confirmou esta mañá o concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, na sesión plenaria de hoxe en María Pita.
A posible conxelación das taxas e prezos públicos xa a avanzou o voceiro do Goberno municipal no Pleno de outubro. Hoxe, Lage apuntou que esta política de conxelación fiscal na cidade herculina responde “á necesidade de contribuír a manter o poder adquisitivo das coruñesas e coruñeses, mantendo ao mesmo tempo o nivel de investimentos con recursos acadados por outras vías”.
Entre os ingresos previstos destacan os 1,5 millóns de euros dos que disporá o Concello grazas ás achegas das empresas aseguradoras, unha cifra que, a través da Ordenanza de Contribucións Especiais —aprobada hoxe no Pleno— permitirá acometer melloras no parque municipal de Bombeiros. Lage explicou que “as contribucións espaciais establécense mediante as achegas das compañías de seguros, que afrontan menores cargas cos seus clientes grazas á acción do servizo de Bombeiros. Por dito motivo as compañías aportan en función da súa cota de mercado, recursos destinados precisamente a mellorar o servizo de extinción de incendios e de emerxencia”.
Esta partida de 1,5 millóns servirá para costear, por exemplo, o acondicionamento na parcela de ampliación das instalacións do parque de Bombeiros, en Agrela, así como a adquisición dun novo posto de mando móvil para a xestión de emerxencias e grandes eventos. Isto permitirá dispoñer da última tecnoloxía para eventos organizados polo Concello, como é o caso do San Xoán.
O Concello aprobou hoxe a modificación de outras catro ordenanzas, no caso do Servizo de Axuda do Fogar para adaptala ás normas establecidas pola Xunta para todos os concellos, e no resto dos casos, para contribuír á maior claridade dos textos.
A Coruña súmase á Asociación de Museos de Ciencia de España
Tamén na sesión plenaria desta mañá, a Corporación municipal aprobou por unanimidade a adhesión dos Museos Científicos Coruñeses á Asociación de Museos y Centros de Ciencia y Técnica de España, unha medida coa que o Goberno de Inés Rey busca potenciar a visibilidade e posicionamento da Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrae a escala estatal e continental.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou o traballo de educación e divulgación científica que se fai desde a rede de museos municipais, e subliñou a aposta do Goberno de Inés Rey “por poñelos en valor e defendelos”. Castro avanzou, ademais, que o Executivo local está a dar os primeiros pasos para presentar novas candidaturas de adhesión cunha perspectiva internacional. Por exemplo, á Asociación Europea de Museos.
A incorporación da rede a Asociación de Museos y Centros de Ciencia y Técnica de España dáse, ademais, nun contexto moi especial, xa que A Coruña é unha das cidades do país que celebrará actividades para todos os públicos no contexto da Semana da Ciencia 2025, desde este sábado 8 e ata o día 16 de novembro.
Luz verde ao estudo de detalle en Peñarredonda, preto da rúa Hamburgo Outro dos asuntos destacados na orde do día de hoxe foi a aprobación definitiva do estudo de detalle do Polígono R40 Peñarredonda 1, que facilitará o desenvolvemento urbanístico de tres parcelas próximas á rúa Hamburgo.
O concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, detallou máis polo miúdo os aspectos técnicos da actuación definida no estudo de detalle, apuntando á importancia de integrar paisaxísticamente as futuras edificacións no conxunto da contorna, como terrazas en pendente, para diminuír o seu impacto visual.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.