Establécense dúas distincións de 150 euros en formato de vales de compra, unha por cada modalidade
A Concellería de Cultura de Ribeira busca ilustrar o seu Nadal coa creatividade da rapazada, polo que lanza unha nova edición do Concurso Escolar de Deseño de Cartel e Postal de Nadal que repartirá 300 euros en premios baixo o formato de vales de compra para trocar no comercio local: unha única distinción de 150 euros por cada modalidade, distribuídos en cadanseus dous bonos de 100 e 50 euros. Os agraciados dispoñen ata o 31 de xaneiro de 2026 para facer o gasto.
“O Nadal é unha época de compartir, de facer comunidade, onde os máis pequenos da casa se converten, sen lugar a dúbidas, nos
grandes protagonistas destas datas. Pero máis alá de ser os principais receptores de agasallos, queremos que eles nos obsequien coa súa creatividade sendo quen felicite as festas ao conxunto da cidadanía de Ribeira. Esta é a motivación dun certame que tamén involucra ás familias e á comunidade educativa. E, ao mesmo tempo, beneficiamos ao noso tecido comercial cos premios. Se ben é algo simbólico dado o volume de vendas propio destas datas, serve tamén para establecer un contacto con potenciais clientes”, a xuízo da concelleira de Cultura, Ana Barreiro.
Poderán participar tódolos nenos e nenas que estean escolarizados nos niveis de infantil e primaria dos centros educativos de Ribeira. A temática a abordar nas súas creacións deberá estar relacionada coa época que se aveciña e só se poderá presentar unha obra en cada modalidade, podendo aplicar calquera técnica pictórica sobre cartolina ríxida ou material semellante, sen texto ningún.
O prazo de recepción das obras abrangue dende o 7 ao 24 de novembro; entrega que se deberá formalizar no Centro Cultural Lustres Rivas, en horario de 09.00 a 14.00 horas.
A decisión sobre os recoñecementos recaerá nun xurado composto por tres persoas vinculadas á cultura e pola concelleira desta área ou a persoa en quen delegue.
Método de entrega dos traballos
Para garantir o anonimato, asinarase con pseudónimo na parte traseira de cada traballo; pseudónimo que se deberá empregar tamén no exterior do sobre pechado que acompañará a obra a entregar. Así mesmo, no exterior dese sobre, deberán figurar a idade do concursante, mentres que o seu interior deberá contar cos seguintes datos: nome e apelidos da nena ou neno, modalidade de participación (cartel ou postal), data de nacemento, curso e centro de ensino, lugar de residencia e teléfono de contacto dos seus proxenitores ou titores legais.
En caso de que as obras presentadas a concurso sexan entregadas no seu conxunto polo centro educativo, deberase presentar un sobre
pechado cos datos indicados e pegado detrás de cada obra ou, no seu defecto, un único sobre pechado que no seu interior conteña unha listaxe de participantes coa información xa referida.
As bases completas poderán ser consultadas na páxina web municipal www.ribeira.gal.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.