Thursday 06 de November de 2025

O Ballet Clásico Internacional ofrecerá dous espectáculos durante o Nadal ribeirense


 A venda das entradas comeza no 10 de novembro

Ribeira comeza xa a quecer motores cara o Nadal; unha época que trae consigo dous aclamados espectáculos da man do Ballet Clásico Internacional. Segundo avanzaron a concelleira de Cultura, Ana Barreiro, e José Antonio Fernández, do grupo Fercosti, a afamada compañía de danza levará a escena El lago de los cisnes, no 6 de xaneiro, e El cascanueces, no 7 de xaneiro; en ámbolos casos ás 19.00 horas.

Bailaríns de renome internacional escenificarán no novo Auditorio municipal dous clásicos do Nadal, durante dúas horas cada unha das funcións. “Teremos en Ribeira dous espectáculos de gran nivel de excelencia artística que, estamos seguros, deixarán ao público absorto co seu talento, facendo as delicias de grandes e pequenos con dúas historias típicas das datas que se aveciñan. Este é un adianto do que nos depara o Nadal en Ribeira, converténdose o noso municipio nun foco de interese cultural, xa que non son moitas as paradas que fará o Ballet Clásico Internacional en Galicia e Ribeira ten o orgullo de ser parte da súa xira, en boa parte, grazas ás prestacións que ten o novo Auditorio municipal para acoller funcións desta magnitude. Estamos seguros de que todo o público se emocionará coa danza grazas a unha compañía con máis de 30 anos compartindo a fermosa tradición do ballet clásico ruso que, ademais, conta con galardóns como o Mellor Espectáculo de Danza do Teatro de Rojas de Toledo, no 2013, 2015 e 2018 ou o Premio ao Mellor Espectáculo de Danza de Vigo, no 2008; todos eles elixidos por votación popular.”

Baixo a proposta artística de Tatiana Solovieva Producciones, El lago de los cisnes fascinará aos espectadores cun relato sobre o eterno conflito entre o ben e o mal. Despois de celebrar o seu vixésimo primeiro aniversario, o Príncipe Sigfrido introdúcese nun bosque onde coñece a Odette, unha princesa cisne baixo o feitizo do malévolo Rothbart. Sigfrido promételle amor incondicional, pero cae nun cruel engano e acaba xurando o seu amor ao Cisne Negro. Tras recoñecer o seu erro, regresa ao bosque na busca da súa amada.

Doutra banda, El cascanueces amosa como, na véspera dun Nadal inesquecible, unha moza chamada Marie emprende unha travesía chea de marabillas e misterio. Acompañada polo Cascanueces, enfrontarase aos ratos malvados, bailará entre copos de neve e, finalmente, chegará ao Palacio Máxico. Alí, tódolos seus xoguetes cobrarán vida e danzarán nunha festa memorable.

Ademais, aquí contarase coa participación da Escola Municipal de Ballet de Ribeira, baixo a dirección de Cristina Riveiro, con 11 nenas de entre 8 e 13 anos que representarán Os nenos da festa e Os anxiños. Tamén tomará parte a escola de danza Druida, da Coruña, con Mercedes Suárez, quen preparará a algúns dos seus alumnos como ratiños e ananos.

Así mesmo, falou José Antonio Fernández, de Fercosti, quen agradeceu a colaboración do Concello para traer estes espectáculos “recoñecidos internacionalmente e con grandes artistas a nivel mundial”. Segundo explicou, as entradas comezarán a venderse no luns, 10 de novembro, ás 09.00 horas.

Farase simultaneamente de maneira online en www.ataquilla.com como presencial na Oficina de Atención Cidadá da casa consistorial. Para aquelas persoas que opten por adquirilas nas dependencias municipais, o horario será de luns a venres, de 09.00 a 14.00 horas. O prezo sitúase nos 35 euros por entrada para cada función, máis gastos de xestión.

Deja un comentario