Thursday 06 de November de 2025

Tres delegacións internacionais do Véneto (Italia), Norland (Noruega) e Vastra Gotland (Suecia) visitarán Fairway da man do Camiño da Ría de Muros Noia


A Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia participará do 9 ao 11 de novembro cun stand no que darán a coñecer tanto esta ruta xacobea como a Asociación Internacional Vía Querinissima

A Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia participará no sexto Fórum do Camiño de Santiago “Fairway”, que terá lugar do 9 ao 11 de novembro na Cidade da Cultura de Galicia. A asociación estará presente no gran foro dos profesionais do Camiño cun gran stand xunto á Asociación Internacional Vía Querinissima.

Ademais de participar no workshop organizado por Fairway con preto de corenta recoñecidos turoperadores, axencias de viaxes, centrais de reservas e axencias que traballan no Camiño de Santiago a nivel internacional, a asociación aproveitará para presentar as súas últimas novidades tanto en materia de produtos turísticos (tales como as exitosas peregrinacións marítimas xunto a operadores como Sailway, Julio Verne Náutica, Monte Real Club de Yates de Baiona e Asnauga) como editoriais (como os libros “O itinerario da peregrinación de Pietro Querini (1431) de Muros a Santiago de Compostela”, “O catálogo de peregrinacións marítimas pola Ría de Muros Noia” ou a guía “El Camino de Santiago de la Ría de Muros Noia”).

Promoción da Vía Querinissima

Así mesmo, o domingo 9 de novembro, ás 13:00 horas, o presidente da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia, Luís Oujo, acompañará aos integrantes de tres delegacións internacionais do Véneto (Italia), Norland (Noruega) e Vastra Gotland (Suecia), que farán unha visita oficial a Fairway co obxectivo de promover a candidatura a Itinerario Cultural Europeo da Vía Querinissima. Unhas delegacións encabezadas por Roberto Ciambetti, presidente do Consello Rexional do Véneto, órgano lexislativo desta rexión italiana, e presidente da Asociación Vía Querinissima. Tras visitar Fairway e o stand da Asociación, as delegacións aproveitarán para visitar a Catedral de Santiago e facer un percorrido polo centro histórico da vila.

A delegación da Rexión do Véneto (Italia) está composta por Roberto Grande, jefe de Gabinete do presidente Roberto Ciambetti; Roberto Valente, secretario xeral do Consello Rexional do Véneto; Fausta Bressani e Stefano Sisto, directores dos departamentos de Cultura e de Turismo; Mara Tognon, manager de proxectos europeos e Nicoletta Martorana, directora da Asociación Vía Querinissima.

A delegación da rexión de Norland (Noruega) está integrada por Arne Ivar Mikalsen, conselleiro de Cultura e vicepresidente da Asociación Vía Querinissima; e Stefano Agnoleto, presidente do Comité Científica da Asociación. Finalmente, Daniel Anderson, deputado e membro do comité de Cultura, encabezará a delegación da rexión de Vastra Gotland (Suecia).

Via Querinissima

A Asociación Cultural Internacional Vía Querinissima fundouse para promover e enriquecer o itinerario cultural inspirado na viaxe de Pietro Querini, unha das primeiras peregrinacións documentadas polo Camiño da Ría de Muros Noia. A súa misión é fomentar o diálogo intercultural reconectando o Norte e o Sur de Europa a través da historia, as paisaxes e as tradicións.

O proxecto conta como impulsores principais coas rexións do Véneto, Nordland e Vastra Goltland, ademais da Asociación de Concellos da Ría de Muros Noia e numerosos apoios internacionais de institucións culturais, universidades e asociacións de Italia, Noruega, Suecia, Suíza, Grecia, España, Cidade do Vaticano, Portugal, Austria e Reino Unido.

Vía Querinissima inspírase nos fondos valores que xurdiron da viaxe de Pietro Querini: o diálogo cultural, o intercambio, a hospitalidade, a memoria compartida, a solidariedade e a cooperación entre os pobos. A ruta baséase no diario de Pietro Querini, quen en 1431 emprendeu unha viaxe de Creta a Flandes que acabaría converténdose nunha das odiseas marítimas máis emblemáticas do século XV, pasando por Cádiz, Canarias, Lisboa, Muros e Fisterra. Tras múltiples desventuras, como avarías, desvíos forzosos e tormentas, acabaría finalmente nas illas Lofoten, onde descubriría o bacallau seco, que acabaría tendo un enorme impacto no comercio europeo da época.

A ruta marítima e terrestre atravesa Creta, as cosas de España e Portugal, e logo se estende por Noruega, Suecia, Inglaterra, Alemaña, Suíza e Austria ata chegar a Venecia. O tramo galego da Vía Querinissima está integrado polo camiño de peregrinación de Muros a Santiago de Compostela, que Querini deixou perfectamente documentado.

Deja un comentario